Ferrol, 8 de febreiro de 2023

Estes días vimos de coñecer a boa nova de que o derrubo da nave provisional do mercado da Magdalena é inminente. Ferrol en Común, celebra que por fin se poda levar a diante este proxecto que foi intención de todos os gobernos que pasaron polo Pazo Municipal pero que a súa xudicalización mantiña paralizado.

Sen embargo, existe un punto que nos ten altamente preocupados e que o goberno local parece que pasa por alto, que vai pasar cos locais de ensaio? Por se non quedou claro, os locais de ensaio, onde acoden unhas 100 persoas a desenvolver a súa actividade musical nun espazo público municipal, están ubicados no edificio anexo á nave que se vai derrubar, polo que irremediablemente estarán afectados por esta obra.

Así mesmo, segundo recolle o proxecto, tamén está incluída a substitución da actual cuberta que comunica os locais anexos á Cuesta de Mella por unha de zinc, pintado de fachada e mellora do pavimento en todo o espazo, polo que no edificio onde hoxe atópanse os locais de ensaio vanse a acometer obras de mellora, o que fai totalmente inviable continuar coa actividade musical neste espazo durante a lo menos os 6 meses que está previsto que dure a intervención.

Por último, o goberno local indica que converterá a zona nun espazo público de convivencia, onde se instalará unha zona de xogos, un parque de calistenia e incluso terrazas, non hai máis que ver as imaxes do proxecto anunciado para darse conta de que os locais de ensaio non teñen oco neste novo espazo público.

Por todo isto, dende FeC consideramos imprescindible e urxente que o goberno local aclare que vai facer cos locais de ensaio e onde os vai reubicar. É preciso que o goberno local inicie un diálogo cos usuarios/as dos locais de ensaio e cos traballadores/as do servizo, así coma xa fixo cos praceiros e praceiras do mercado, para explicarlles o proxecto e buscar solucións conxuntas de cara a unha nova ubicación e acondicionamento adecuado.

No seu día xa amosamos a nosa preocupación por esta cuestión e alertamos de que este momento chegaría, coma tamén afeámoslle ao goberno local a súa actitude cos máis de 100 usuarios e usuarias destas instalacións municipais dos que nunca se acorda. Agora, volvemos a estar na mesma situación, “in extremis”, demandándolle ao goberno local unha solución urxente e válida para os locais de ensaio non desaparezan.