Ferrol, 24 de marzo de 2023

Esta mañá en rolda de prensa, o concelleiro Suso Basterrechea deu conta da moción presentada por FeC en apoio aos traballadores e traballadoras do centro loxístico da empresa de LIDL que levan en situación de folga dende o 14 de febreiro, por incumprimento do convenio, sobrecarga de traballo e realización de horas extraordinarias por riba das 80 horas extras anuais permitidas, entre outros motivos.

“Non se nos escapa que o centro loxístico está en Narón pero son moitos os traballadores e traballadoras de Ferrol que alí traballan, e sendo un centro da nosa comarca afecta á vida social, económica e laboral de todas nós”, explicaba o concelleiro. “É un conflito complexo que xa está xudicializado, pero cando menos, cremos que Ferrol ten que se posicionar e dar apoio a este conflito que vai camiño de ser unha das folgas máis longas da nosa historia laboral” sinalaba Basterrechea, trasladando unha vez máis o apoio de Ferrol en Común aos traballadores e traballadoras que durante o día de hoxe levaban a cabo unha andaina reivindicativa.

Doutra banda, e centrándose no ámbito da cultura, Suso Basterrechea quixo poñer de manifesto varias cuestións. A primeira dela, ten que ver coa falta de apoio do goberno local a un dos eventos máis lonxevos da programación cultural ferrolá: a Poesía Salvaxe. Lembraba o edil que “o Partido Popular tampouco apoiou esta convocatoria no seu mandato, nós retomámolo e agora o goberno de Mato leva 2 anos sen prestarlle atención, unha cuestión que lamentamos, pois posiblemente leva a desaparición de dita convocatoria, o que supón unha merma da vida cultura da cidade”, sentenciaba Suso Basterrechea.

A última das cuestións abordadas na rolda de prensa foi o chamado mercado de Semana Santa. Basterrechea lembrou que “o goberno municipal leva tentando realizar este mercado de artesanía en varias ocasións cun gran oscurantismo e sen ter boa acollida por ninguén, respondendo unicamente a intereses particulares e empresariais” e deu traslado do “desagrado do colectivo organizador da Semana Santa” por apropiarse de símbolos propios, por non ter comunicación algunha e por considerar este mercado absolutamente fora de lugar.

O concelleiro explicaba que “dados os requisitos económicos exixidos ningún artesán local vai participar neste mercado polo que probablemente se lle estea a facer competencia ao propio tecido comercial e hostaleiro dende o propio concello”. Así mesmo, afeoulle ao goberno local o ter empapelado cada farola da cidade con este evento.

Este mercado “non responde ás necesidades da cidade, nin do sector da artesanía, nin ao sector da hostalería, nin á Semana Santa, nin ao interese turístico da cidade e non aporta valor” remataba Basterrechea. Polo que non consideramos oportuno realizar este tipo de mercados nunhas datas onde a Semana Santa xa chea todos os espazos, dende o punto de vista cultural e turístico.