Ferrol, 12 de abril de 2023

No día de onte os números 1 e 2 da candidatura de Ferrol en Común, Jorge Suárez e Nerea P. Carballeira, xunto con inscritos/as da organización, participaron nun encontro coa Agrupación de Asociacións de Veciños de Ferrol, no Local social de Mandiá, co fin de intercambiar ideas e necesidades, e sintetizar puntos programáticos que incorporar á idea de goberno que vai defender FeC nas eleccións municipais.

A discriminación histórica da zona rural, sen transporte digno nin acceso doado a vivenda rehabilitada require dun plan de actuación concreto, co fin de facer atractivo un dos maiores potenciais da nosa cidade: uns espazos verdes e costeiros de primeira que non sufriron agresións medioambientais nin salvaxismo urbanístico.

Para iso FeC propón:

– A inmediata posta en marcha do saneamento da zona rural, en tanto non se execute, a facilitación do baleirado de fosas sépticas onde non estean conectados á rede.

– O impulso dunha iluminación pública sustentable, con luces LED e luminarias de baixa contaminación lumínica.

– O fomento do transporte público, con liñas axeitadas aos ritmos laborais, académicos e de comercio.

– A creación dunha concellería específica, con medios propios e que, dende a participación con programa +rural, consensúe cos veciños e veciñas o destino do orzamento público, en materia de obras e servizos pero tamén en actividades lúdicas e culturais, de protección do patrimonio histórico ou de conservación da memoria inmaterial.

– O rescate dun PXOM enterrado polo goberno socialista, que se abra a propostas e incorporación das demandas da zona rural, en canto a rehabilitación e facilitación de usos das vivendas, coa implantación dunha bolsa de aluguer de vivendas rurais.

– O impulso do turismo familiar, con sendeiros, rutas planificadas e diversas baseadas no deporte e a creación de redes entre entidades deportivas, como Parapente Ferrol ou BTT Esmelle, pequenos empresarios impulsores de aloxamentos turísticos, e axentes sociais, que fagan de Ferrol unha zona turística de referencia no norte do país.

FeC considera que a zona rural non pode quedar atrás por cálculos electoralistas e máis que un problema debe ser unha solución para o desenvolvemento socioeconómico da cidade, como fonte de riqueza turística e xeradora de emprego, en rehabilitación de vivenda ou potencialidades a través do sector primario e o cooperativismo.