Ferrol, 26 de abril de 2023

Esta mañá o candidato á Alcaldía por Ferrol en Común, Jorge Suárez, e o número 6 da candidatura, Víctor Ledo, mantiveron unha xuntanza co Presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cribrao, D. Francisco Barea Paz, na que puideron intercambiar impresións sobre as necesidades da nosa cidade e o potencial de crecemento que ten a mesma.

Dende Ferrol en Común consideramos imprescindible normalizar as relacións entre o Concello e a Autoridade Portuaria pois é unha realidade que “temos asuntos de interese común, coma o asentamento de tecido industrial no porto exterior, a creación dunha fronte común para conseguir a liña ferroviaria Ferrol-A Coruña ou a cooperación necesaria para a organización de actividades lúdicas ou culturais que repercuten nos veciños e veciñas da cidade” explicaba Jorge Suárez, indicando que “a festa da Parrocheira, a feira do marisco ou outras actividades foron desenvoltas sen que o goberno local, por intereses partidistas, tivera a ben ter unha colaboración fluída con esta administración pública con independencia de que cor político a encabece” indicaba Suárez.

A Autoridade Portuaria é un importante recurso da nosa cidade e máis alá de cooperar na organización de actividades e eventos culturais, tamén é vital manter unha comunicación estable co obxectivo de “unir forzas de cara ao desenvolvemento socio-económico da cidade, xerando un motor de emprego importante e sendo un axente imprescindible na diversificación industrial que tanto solicitamos dende fai décadas” explicaba o candidato.

Ferrol en Común manterá unha actitude pro-activa en torno a cooperar coa Autoridade Portuaria, coma xa se fixo durante o seu mandato, establecendo liñas de colaboración fluídas e marcando obxectivos comúns co fin de sumar forzas para impulsar o crecemento da cidade. Esta debe ser a estratexia de calquera goberno local que teña altura de miras e o foco posto nos beneficios sociais e económicos para a nosa cidade e non unicamente en intereses partidistas.