Ferrol, 2 de maio de 2023

Hoxe visita a cidade Martiño Noriega, o que foi Alcalde de Santiago de Compostela durante o mandato 2015-2019 e co que mantivemos unha estreita relación de cooperación que aínda hoxe conservamos, pois Ferrol en Común e Compostela Aberta son organización fraternas.

Coma Voceiro nacional de Anova, Martiño, ven a darnos o seu apoio de cara ás eleccións municipais de 2023. Anova forma parte de Ferrol en Común dende a súa creación, mantendo sempre unha actitude positiva e construtiva sendo unha parte fundamental para a nosa equipa. As súas propostas en materia social, municipal e de país, casan perfectamente co que Ferrol en Común defende e a súa xenerosidade, integrando a outras formacións políticas en total harmonía coma Esquerda Unida ou persoas sen adscrición política, son boa mostra de que antepoñen o cambio social a outro tipo de políticas.

Xunto a Martiño Noriega, estivo Jorge Suárez, candidato á alcaldía, Xiana López, ex-concelleira de FeC e número 5 da candidatura e outras persoas integrantes da candidatura e representantes de Anova en Ferrol. Xuntas percorreron o barrio de Ferrol Vello coma unha mostra das potencialidades que ten a nosa cidade e de que con traballo dende o municipal é posible transformar todo un barrio para mellorar a vida das persoas e crecer coma cidade.

Ferrol Vello é un dos barrios máis antigos da nosa cidade e un dos que precisa máis intervencións en canto a rehabilitación de vivenda e mantemento e arranxo das infraestruturas municipais. Posiblemente, o impulso que se lle deu durante o mandato de Ferrol en Común, co desenvolvemento de diferentes proxectos coma as reurbanizacións das rúas Manuel Comellas ou Carme Curuxeiras ou Espartero e San Francisco que están agora en execución, supuxo o punto de partida para activar a rehabilitación completa deste barrio.

Para FeC, o seguinte paso sería a reforma da Praza Vella, un proxecto que estaba comprometido co goberno local no acordo de orzamentos pero que non se levou a cabo. Esta intervención acompasaría a rehabilitación que se está a realizar en todo o barrio e ofrecería á veciñanza un espazo en boas condicións de lecer e esparcemento.

Outra das paradas que realizamos no barrio, é o consultorio Manuel Comellas, un espazo sanitario por onde pasan máis de 1000 pacentes e que foi protagonista dunha loita na que Ferrol en Común, xunto á AVV de Ferrol Vello e toda a veciñanza, estivo moi presente. Martiño Noriega, coma médico de familia, coñece moi ben ás carencias da nosa sanidade pública e coma firme defensor da mesma valora dun xeito máis que positivo que consultorios coma o de Ferrol Vello sigan a funcionar, aínda en contra dos recortes que a Xunta de Galicia intenta acometer na nosa sanidade pública.

Ferrol en Común, agradece enormemente a visita de Martiño Noriega e o seu apoio de cara ás municipais. Tanto él coma a organización que representa son un grande valor dentro do noso espazo común no que defendemos o municipalismo e compartimos o compromiso de traballar en prol dunha cidade aberta para a veciñanza, que coide das persoas e do seu benestar, que teña uns servizos públicos de calidade e que a cultura, o emprego e a igualdade sexan piares fundamentais.