Ferrol, 5 de maio de 2023

Esta mañá Ferrol en Común presentou a súa imaxe e lema de campaña: «Contigo», unha palabra que representa á nosa organización e a “unha forma de gobernar diferente, que non é de arriba a abaixo, senón construíndo dende o colectivo” expoñía Jorge Suárez.

“Este lema significa abrir as portas do concello en todos os sentidos, despois de 4 anos bastante escuros onde a cidadanía non tivo voz e tivo pechadas as portas do Concello” incidía o candidato, explicando que “cremos que a construción en favor da participación é imprescindible para un goberno municipal, xa que é a administración máis próxima á veciñanza e debe dar a cara, dar respostas e ofrecer solucións ás persoas”. O modelo levado a cabo estes catro anos non nos representa e a partir do 28M cambiarémolo, pois non cremos que “diseñar unha cidade dende a cabeza dunha única persoa sen contar coa colaboración da masa da cidade sexa a forma de facer políticas para ás persoas” afirmaba Suárez.

A número dous da candidatura, Nerea P. Carballeira, explicaba que para ela “o lema reflicte o que FeC pensa e sinte e do futuro que queremos construír tendo en conta a cada persoa, pois sen elas non vai ser posible”. Nerea expuxo o que serán algunhas das propostas de Ferrol en Común para a cidade coas que queremos darlle voz a un colectivo importante que é a mocidade a través da creación dun Consello de Infancia e Xuventude, uns orzamentos participativos ou a garantía do acceso ao emprego e a vivenda, “preocupacións que estamos a recoller no proceso de escoita que estamos levando a cabo” comentaba Nerea, onde a participación é o punto forte.

A continuación tomou a palabra Fany Gómez, número 3 da lista, para incidir en que sen servizos públicos de calidade non se poden facer políticas que melloren a vida da xente. Fany explicaba que “é posible reforzar o persoal do Concello aprobando unha nota RPT” porque para poder estar contigo e coa veciñanza “a administración ten que ter medios a súa disposición e estar descentralizada chegando a todos os barrios e facilitando os trámites”.

Suso Basterrchea, pola súa banda, recordaba o doado que foi facer a candidatura con persoas independentes que creen no proxecto de FeC e que aportan un valor enorme para a nosa organización e destacaba que “un dos grandes valores que temos e polo que nos esforzamos é pola nosa capacidade de escoita e diálogo, incluso cando defendemos posturas diferentes ou complexas. A cidadanía vota de menos este diálogo”. Así mesmo, afirmaba que “o lema é moi acaido porque nós non vimos contra ninguén, pero vimos a reforzar a voz daqueles que non están a ser escoitados e todo isto é posible, contigo”.

Para rematar, o candidato de FeC, fixo fincapé en que “nós non somos unha organización unipersoal senón que nos caracterizamos por ser comunidade, sendo esta a nosa intención, que Ferrol sexa unha gran comunidade que teña a forza suficiente para acadar demandas históricas coma a liña ferroviaria Ferrol-A Coruña ou o dique cuberto”. Jorge Suárez recalcaba que “o noso lema representa a forza necesaria para levar a voz de Ferrol á Administración do Estado ou á Xunta de Galicia que tanto lle deben á cidade e que ás veces pola falta de unidade da cidade non se acadan estruturas, proxectos ou recursos imprescindibles para que a cidade creza e mellore”.

Contamos contigo.