Ferrol, 13 de maio de 2023

Durante o mandato de FeC xa quedou amosado que a cultura, en todos os seus eidos e todas as súas formas, é unha cuestión que consideramos prioritaria para o desenvolvemento social da nosa cidade, e ademais, tamén quedou probado que somos a única garantía para que a cultura en todos os seus formatos volva a brillar en Ferrol.

Dentro desta cultura, atópase un servizo municipal básico e obrigatorio por lei, a Biblioteca Municipal. Esta cuestión vai ter que ser abordada por calquera goberno a partir do 28 de maio, pois é fundamental reforzar o servizo despois de 4 anos de goberno de Ángel Mato, que deixa a biblioteca con 5 traballadoras de atención ao público cando deberían de ser 13 persoas e abrindo 135 horas ao mes, cando debería de abrir 240, convertendo o espazo nun simple almacén de libros.

Por sorte, Ferrol en Común ten unha folla de ruta clara para recuperar a Biblioteca Municipal e volver a darlle vida aos máis de 2000 metros cadrados da biblioteca central, onde se albergan máis de 135.000 exemplares e a onde acoden máis de 30.000 usuarios e usuarias.

En primeiro lugar, fortaleceremos a rede de bibliotecas municipais dotándoas do persoal necesario que permita, entre outros, un horario de apertura o máis amplo posible para ofrecer o servizo coa mellor calidade e posibilitar a organización de diferentes actividades, tal e coma víñase facendo durante o noso mandato, onde ofrecíase 1 actividade ao día con moi boa acollida.

Así mesmo, o fortalecemento pasará por actualizar o equipamento da Biblioteca, sobre todo no relacionado cos recursos informáticos, para que poidan ser utilizados por toda a cidadanía unhas óptimas condicións.

Dentro das actividades que queremos desenvolver dende a Biblioteca Municipal, FeC aposta pola implantación dun programa de animación á lectura, que cre vínculos significativos e duradeiros cos centros escolares, cos que tamén buscamos intensificar ás relacións programando visitas e realizando distintas actividades coma conferencias ou obradoiros con referentes do mundo da cultura.

Outra das nosas propostas é a recuperación do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, que xa vai pola súa 11 edición,e adherirnos e impulsar eventos similares que potencien a cultura de creación literaria.

Por último, unha das iniciativas máis importantes é converter a ludoteca da Praza de España nunha Biblioteca Infantil para nenos e nenas de 0 a 11 anos, creando dous espazos diferenciados, unha bebeteca (0-6 anos) e unha zona infantil (7-11), facendo unha clara aposta por levar a cultura aos máis novos cun espazo propio para elas e eles.

A cultura abarca un abanico enorme de posibilidades e de actuacións, e Ferrol en Común quere atendelas todas, dende a realización dunha programación de calidade, a potenciación de obradoiros e talleres, o fomento do asociacionismo cultural e, neste caso, o impulso e reforzo dunha Biblioteca Municipal que ten un potencial enorme para ser un dos epicentros da cultura da nosa cidade, e estamos convencidas de que a través das nosas propostas volverá a selo, pois somos a única opción posible para que a cultura volva a entrar na vida dos ferroláns e ferrolás.