Ferrol, 20 de maio de 2023

Nos últimos catro anos Ferrol sufriu un retroceso na participación e transparencia, un goberno de elite que non tivo en consideración á cidadanía, gobernando baixo un modelo “bunkerizado” no que o Alcalde non pisou a rúa nin falou coa veciñanza durante todo o mandato, artellando unha cidade dende o despacho.

Ferrol en Común proponse mudar esta situación, crear espazos de codecisión e evitar o illamento social, individual ou de colectivos vulnerables no seu conxunto. O concello é a casa do pobo, non o sillón de poder dun partido que so se acorda da democracia e da rúa en campaña electoral.

É preciso facilitar o acceso da cidadanía aos servizos e recursos municipais primeiro abrindo o Concello á cidadanía e logo reducindo o exceso de burocratización na aplicación dos procedementos administrativos, así coma axilizar a resposta aos requirimentos e solicitudes feitas pola cidadanía, en especial a tramitación de licencias.

Doutra banda, é vital abrir procesos democráticos alentando unha maior participación activa da veciñanza en xeral e dos colectivos máis vulnerables en particular, para codecidir entre todas asuntos de cidade que ao final a quen afectarán directamente é a cidadanía de Ferrol.

Dende a area de participación cidadá impulsaremos a creación dunha escola da participación dun xeito permanente onde se imparta formación sobre asociacionismo, cooperativismo, información sobre os trámites coa administrativos, relacións coas administracións públicas ou certificados dixitais e medios telemáticos.

En canto ás asociacións veciñais, xestionaremos as convocatorias ou convenios co compromiso de publicación e resolución no primeiro semestre do ano, coa difusión inmediata dos proxectos subvencionados trala súa resolución, incrementaremos as subvencións de concorrencia competitiva e impulsaremos a contratación directa por parte do concello das actividades que se realizan nos locais sociais e centros cívicos. Ademais, traballaremos para sacar adiante todas as concesións das diferentes cafeterías existentes nos centros cívicos coma o de Canido ou San Pablo.

Por último, consideramos importante a aprobación dun novo regulamento de participación cidadámenos ríxido, que permita un desenvolvemento realista duns orzamentos participativos e o seu desenvolvemento progresivo nas asembleas de barrio, eixo da participación veciñal, onde realizaremos unha visualización final do traballo realizado e o que se fixo con eses orzamentos.