Ferrol, 22 de agosto de 2023

A pasada semana o goberno municipal entregou aos grupos municipais o borrador dos Orzamentos para o que queda de ano 2023. Ferrol en Común avoga por manter unha posición construtiva e por iso esta mañá na Comisión Informativa de Facenda achegámoslle ao goberno local as nosas propostas para mellorar estas contas.

En primeiro lugar, fixemos constar a nosa preocupación pola minoración de fondos nas áreas que teñen que ver coas persoas e solicitámoslle ao novo goberno que volva a incluír no orzamento o Plan sociocomunitario para San Pablo e engada outro para o barrio de Recimil, cos que contribuír e traballar na inclusión total e boa convivencia de toda a veciñanza. Así mesmo, FeC segue defendendo a renda municipal básica coma un recurso útil para as persoas en situación de vulnerabilidade, por iso instamos ao goberno a iniciar o seu estudo así coma a comprometerse a incrementar os fondos de emerxencia social tanto nestas contas coma nas vindeiras.

No mesmo sentido, pedímoslle ao goberno local que recupere o investimento consignado para as areas de Igualdade e Xuventude, as cales sofren unha baixada de fondos e aposte por políticas reais nestes eidos dotándoas do orzamento preciso para levar a cabo proxectos e plans nestas dúas concellerías imprescindibles para a nosa cidade e sociedade.

Por outra banda, chámanos a atención a redución de fondos para a promoción cultural, unha cuestión que nos preocupa fondamente e para a cal solicitamos unha partida que estea a última da cultura da nosa cidade.

Dende FeC defendemos a accesibilidade total, polo que solicitamos incluír nos orzamentos dúas partidas nesta materia, unha para o desenvolvemento da VI Fase de pasos de peóns accesibles e outra coa que dar cumprimento a moción plenaria aprobada por unanimidade na que se contempla o investimento anual de 500.000 euros para accesibilidade.

Xa no relativo a urbanismo, Ferrol en Común instou ao goberno local a incluír nestas contas os seguintes proxectos:

– Partida para a rehabilitación modular de interiores na vivenda pública de Recimil para cumprir funcións de tipo social, vivendas universitarias e para aluguer xuvenil e continuación dos proxectos de eficiencia enerxética neste barrio.

– Redacción de proxecto de urbanización da Praza Vella.

– Redacción do proxecto de rehabilitación da Casa do Patín en Canido, co desenvolvemento a través da oficina municipal de rehabilitación e coa participación de entidades veciñais e culturais.

– A través dun convenio ou da compra directa, adquisición do Edificio de Suboficiais de Canido para o seu uso público.

– Desenvolver un proxecto integral para a zona deportiva marítima de A Cabana e dotación orzamentaria para dous contratos menores, un par a lona do Clube de Remo de A Cabana e outro para un pantalán nese espazo público.

Por último, dende Ferrol en Común observamos coma de novo volvése a subir a partida destinada á area de Alcaldía. Durante o noso mandato destinábanse 202.000€, unha cantidade que incrementou o goberno de Angel Mato ata os 350.000€ e agora vólvese a incrementar ata os 395.000€ para unha partida que na súa maior parte vai destinada a atencións protocolarias, dietas, publicidade e propaganda e outros gastos de representación, un aumento co que non estamos de acordo, motivo polo que instamos ao goberno municipal a reducir considerablemente esta cantidade.

Recuperar a partida para o Plan de implantación da iluminación pública de baixo consumo na zona urbana e na rural; dotar de medios humanos ao Concello de Ferrol; desenvolver un novo Regulamento de Participación Cidadá e unha Escola de Participación permanente; dotar de orzamento a posta en marcha do servizo de rozas municipais a través dunha cuadrilla permanente ou levar a cabo un Plan de mellora e mantemento das instalacións municipais e o estudio para a recuperación do Padroado de Deportes son outras das peticións que levamos á Comisión desta mañá.

Dende Ferrol en Común consideramos que todas estas propostas mellorarían os orzamentos e dende a nosa posición e actitude construtiva así trasladámollo hoxe ao goberno municipal, sen embargo non van ser tidas en conta por unha maioría absoluta que comeza a actuar coma tal, sen escoitar nin construir conxuntamente nada para a nosa cidade.