Ferrol, 1 de setembro de 2023

A través dos medios de comunicación Ferrol en Común tivo coñecemento da proposta disparatada do goberno municipal de tapar os restos da muralla medieval atopados na Rúa San Francisco.

Ademais da falta de talante democrático, pois non se deu conta na comisión informativa correspondente desa decisión, nin dos informes que supostamente a avalan, para Ferrol en Común supón unha aberración soterrar a nosa orixe fundacional, previa a esa cidade que serviu de factoría naval para o Estado, que nos lexitima como pobo dende un punto de vista sociocultural, e que debemos reivindicar como calquera cidade moderna fai: dar a coñecer o noso pasado para camiñar xuntos ao futuro, ter unha idiosincrasia propia e a proba palpable que antes de que dende a centralidade nos desen un fin industrial, Ferrol xa existía como tal, do que debemos facer unha labor pedagóxica en lugar de ocultar o cerne do que nos debería facer sentir orgullo como comunidade.

Esta medida casa de forma evidente coas políticas caducas de mobilidade que o PP está a implantar na cidade: tráfico rodado en zonas peonís consolidadas e o fomento do vehículo privado fronte a espazos para as persoas ou a protección da nosa cultura.

Cabe lembrar que estas políticas propias dos anos 80 non son novas, xa vimos actuacións contra o patrimonio arqueolóxico en cidades como Málaga, Huelva o Vitoria, cunha forte contestación social e con opinións de expertos na materia totalmente contrarias, dende institucións públicas, denostando estas actitudes e poñendo o til na absoluta ignorancia que representa tomar estas decisións.

FeC esixe unha decisión de cidade ao respecto, que se convoque unha xunta de voceiros e se tome a decisión co consenso da comunidade de expertos en historia da cidade e en arqueoloxía dende a imparcialidade e o rigor científicio.

Pouco ético nos parece falar dun Museo da Cidade cando se opta por soterrar o que temos que ensinar e musealizar.