Ferrol, 25 de setembro de 2023

Pasados os cen días de cortesía tácita de calquera goberno, Ferrol en Común, na súa valoración deste período, quere amosar a súa máis fonda preocupación pola deriva autocrática que está a tomar o goberno do Partido Popular, nomeadamente no recorte de dereitos que a cidadanía de Ferrol, directamente ou a través dos seus representantes, tiña consolidados e que, nun abuso de poder utilizando unha axustada maioría política como unha apisoadora antidemocrática, está a liquidar avances históricos en materia patrimonial, urbanística, social, de democracia e de igualdade na nosa cidade.

Comezou o mandato cun artefacto pirotécnico, eufemisticamente chamado Regulamento de organización para adaptarnos á Lei de grandes cidades, que o único que agocha son dúas propostas: a primeira acalar a voz da oposición limitando os tempos de intervención nas sesións plenarias a límites abusivos e reducir a 2 as propostas que se poden plantear; a segunda nomear persoal directivo de libre designación, persoal designado a dedo que non suple as carencias estruturais do Concello en materia de persoal.

Este regulamento foi acompañado duns orzamentos de recheo, con partidas inverosímiles que nin sequera contan con emprazamento, un rebumbio de peticións que se van converter en promesas incumpridas, xa que o goberno sabe da imposibilidade de executar as súas propostas nos seus tres meses de vixencia; ese engano unicamente tratou de lavar a imaxe dun goberno que en tres meses so usou a mercadotecnia como política, sen solucionar ningún problema real da veciñanza.

Ante estas dúas propostas iniciais, Ferrol en Común presentou alegacións en comisión, no espírito construtivo que nos caracteriza, sempre dende os nosos postulados políticos, alegacións que o único que pretendían era poñer en valor a democracia e darlle un matiz social aos orzamentos, que so falaban de ladrillo e non de inclusión, dereitos, igualdade, mocidade ou emprego, aspectos fundamentais se queremos poñer no centro ás persoas.

Todas e cada unha das alegacións foron rexeitadas, sen tan sequera abrir un proceso negociador, mostra evidente da intención de aplicar o rodillo durante este mandato.

Este inicio demoledor, falta de respecto aos grupos da oposición e por extensión á cidadanía de Ferrol, foi o detonante dunha serie de medidas tomadas sen consenso e rompendo dinámicas de acordos de cidade tomados no pleno da corporación:

  • Decidiuse unha nova política en mobilidade contraria á Axenda 2030 e a sostibilidade, poñendo o vehículo no centro, eliminando zonas peonís consolidadas e mesmo organizando en torno ao transporte privado os propios actos da mal chamada semana da mobilidade.
  • Eliminouse calquera posibilidade de poñer en valor o achado duns restos patrimoniais únicos na cidade, da nosa historia previa á construción naval, contra o criterio da sensatez primouse o criterio do desarrollismo, na Rúa San Francisco.
  • Eliminouse calquera vestixio do carácter social dos orzamentos vixentes, como o Plan sociocomunitario para o barrio de San Pablo.
  • Impúxose un sistema de nomeamento nos CEIP, únicos centros onde rexen certas competencias municipais, onde a oposición está infrarrepresentada, coa fin de non dar voz á comunidade educativa a través dos seus representantes.
  • A memoria das vítimas do franquismo é ultraxada con constantes atrasos na xestión da construción dun memorial na súa honra.
  • Abandónase a zona rural, rompendo o acordo histórico de dedicar o investimento da financiación que da a Ferrol a Deputación provincial a través do POS a toda a zona rural, ademais de dicir publicamente que desbotan o que para FeC sería o mellor servizo e máis eficiente: o acordo plenario da creación dunha cuadrilla municipal para as rozas no rural.

Estas mostras de menosprezar o traballo desenvolto en mandatos anteriores, de acaparar a voz da cidade coma se fosen o altofalante de toda a veciñanza, de establecer como prioridade a propaganda fronte a xestión son o que o PP pretende impoñer á cidadanía de Ferrol.

O que non lle preocupa a este goberno é, a través da elaboración dunha RPT, dotar de persoal a un Concello sobrecargado e incapaz de dar respostas áxiles por escaseza de medios, de desenvolver políticas activas de mocidade e emprego, dúas áreas que aínda non apareceron neste mandato, tampouco o lado social, no aspecto de tratar a inclusión como motor da igualdade en barrios que o precisan, como Recimil, San Pablo ou o Inferniño, e na defensa dos dereitos fronte a outras administracións tamén está ausente este goberno: continúan os problemas no transporte interurbano de forma sistémica, e fronte a iso so hai silencio, ou conséntense recortes no ensino público, como a eliminación dunha liña no CEIP San Xoan.

Outras cuestións nas que FeC vén insistindo nas Comisións caen en saco roto, malia a súa vital importancia, para non perder fondos europeos, como o desenvolvemento do PXOM ou de PMUS, para garantir os dereitos das mulleres, como a dotación de persoal técnico cualificado no CIM, ou para uns servizos eficientes, coa regularización dos servizos sen contrato que garantan os dereitos laborais consolidados, como Parques e Xardíns e Recollida de Residuos e Limpeza Viaria, en tanto non se estude a súa remunicipalización.

FeC manifesta que, pasados estes cen días, o PP debería reflexionar e mudar esa actitude totalitaria, se realmente quere que o seu mandato non sexa recordado como o tan nomeado rodillo antidemocrático. O noso grupo vai poñer voz a esa cidadanía para a que non se goberna, a que quere unha cidade máis sostible e inclusiva, a que quere ser oída e optar por avances en lugar de volver as políticas de fume, ladrillo e imaxe baleira dos anos 90.