Ferrol, 9 de outubro de 2023

Mañá 10 de outubro é o Día Internacional da Saúde Mental e por iso Ferrol en Común quere volver a incidir na importancia de contar cuns servizos públicos dotados de suficientes recursos humanos e materiais para poder coidar a nosa saúde mental e do papel da administración local nesta cuestión.

Segundo a Organización Mundial de la Salud (OMS) 1 de cada 4 persoas sufrirá un problema de saúde mental ao longo da súa vida. Os estudos recollen que a depresión será a primeira causa de discapacidade entre a mocidade e adultos en 2030 e que o suicidio é actualmente a primeira causa de morte non natural, con 3.539 falecidos ao ano, o dobre que os accidentes de tráfico. Só en Galicia hai máis de 80.000 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, segundo o censo do 2020 da Consellería de Política Social.

Ferrol en Común amosa a súa preocupación, igual que os profesionais sanitarios, polo incremento dos problemas de saúde mental e o aumento da taxa de intento de suicidio, especialmente entre as persoas máis mozas.

Por este motivo, Ferrol en Común considera que é esencial a colaboración de todas as administracións públicas no coidado da saúde mental e a loita contra a estigmatización e invisibilización; do mesmo xeito, que é imprescindible dotar de recursos suficientes e adecuados á sanidade pública para atender de forma integral ás persoas afectadas por un trastorno de saúde mental.

Sobran os motivos para actuar neste eido dende todas e cada unha das administracións públicas e por iso instamos ao goberno local a involucrarse nesta loita e levar a cabo unha serie de actuación que poderían organizarse dende o Consello para visibilizar, previr e normalizar a saúde mental. Dende campañas de prevención e detección de problemas de saúde mental nos centros educativos, ao mesmo tempo que se traballa para normalizar as enfermidades de saúde mental; unha programación de actividades nos centros cívicos e na Casa da Xuventude orientada a combater a ansiedade, angustia, depresión, estrés e calquera outro trastorno psicolóxicos que afecta á xuventude; ou campañas de publicidade dos teléfonos de atención á conducta suicida e atención aos problemas de saúde mental a través de cartaces, dípticos, difusión en medios e redes sociais do Concello.

E por suposto, instar á Xunta de Galicia a reforzar a sanidade pública no ámbito da Saúde Mental e aprobar unha Lei de Saúde Mental que aumente os recursos de atención ás persoas afectadas por enfermidades mentais.