Ferrol, 21 de outubro de 2023

Dende Ferrol en Común instamos ao goberno municipal do Partido Popular a cumprir as súas promesas co cadro de persoal do servizo de parques e xardíns cos que se comprometeu cando estaba na oposición a cumprir coas súas demandas no prazo dos 100 primeiros días. Demandas que abarcan non só a posta a disposición de máis e mellores medios e recursos para realizar os seus traballos senón tamén en materia retributiva. Xa pasados sobradamente eses 100 días, o goberno continúa a incumprir a súa promesa antepoñendo outros intereses aos que demanda a clase traballadora.

Cremos inaceptable que se vaia a aprobar definitivamente o Regulamento Orgánico do Concello de Ferrol no que se inclúe o nomeamento de tres asesores pola porta de atrás e cun custo de máis de 200.000€ e que sen embargo, non se poñan os medios necesarios para que, con pouco máis de 150.000€, se dignifique o traballo de persoas con salarios precarios, con medios perigosos e xornadas abusivas, nun servizo dependente da administración pública coma é o de parques e xardíns.

Dende FeC instamos a que se cumpran os acordos acadados na Mesa Técnica onde está representado tanto o Comité de Empresa coma todos os grupos municipais e na que se valorou indemnizar á empresa para que recolla o pacto laboral e por fin sexa cumprido. Instamos tamén a que se tramite de xeito inmediato e podamos por fin darlle carpetazo a un asunto que trata de dignificar as condicións laborais dos traballadores de parques e xardíns.