Ferrol, 24 de outubro de 2023

Esta mañá os concelleiros Jorge Suárez e Nerea P. Carballeira presentaron en rolda de prensa as tres mocións que Ferrol en Común levará ao Pleno deste mes de outubro. A primeira delas está vencellada a unha situación límite que está a vivir o noso planeta, e tendo en conta que hoxe 24 de outubro é o Día Internacional Contra o Cambio Climático, consideramos oportuno rexistrar unha moción na que solicitar a declaración de emerxencia climática, ademais de demandar que se inclúa a renaturalización dos espazos dentro do Plan Xeral de Ordenación Municipal, crear unha rede de zonas verdes no municipio e fomentar a agricultura urbana.

Todo isto tan só serían algunhas das múltiples accións que se poden levar a cabo dende o municipal para responder á alerta da comunidade internacional sobre os efectos devastadores do cambio climático no planeta, “é necesaria unha actuación urxente por parte dos gobernos, empresas e cidadanía”, detallaba Nerea P. Carballeira.

Jorge Suárez, pola súa banda, explicaba a segunda moción que Ferrol en Común presenta e que ten que ver co transporte público, un servizo que “mesmo o señor Rueda na súa recente visita cualificou coma un problema complexo, sen mais responsabilidade nin solucións, cando é competencia da Xunta” sinalaba Suárez, que continuaba lamentando que “a Xunta fai caso omiso das numerosas reclamacións postas ante consumo sobre un servizo que é deficitario e que deixa á xente en terra”. Dende Ferrol en Común consideramos que a única solución é o que propoñemos na moción, que nos orzamentos da Xunta se dote dunha partida específica para complementar a concesión de Monbus, “que é absolutamente insuficiente para garantir este servizo e que as persoas poidan acudir ao seu centro de traballo, de estudo ou hospitais” apuntaba o concelleiro.

Por último, quixemos traer o Pleno un grave problema de índole global, o conflito co pobo palestino. “Parécenos inconcebible que unha sociedade que se di avanzada escoitemos con frialdade nos medios de comunicación que as incubadoras dos nenos prematuros van deixar de funcionar por falta de combustible e ante isto permanezamos impasibles, cando isto debería ser a nosa máxima preocupación a día de hoxe”.

Jorge Suárez indicaba que “non nos parece xusto manter unha equidistancia entre o goberno de Israel e o pobo palestino, evidentemente o terrorismo é barbarie e o condenamos en todo caso, pero actualmente estase a deixar a 2,4 millóns de habitantes nunha franxa de 40km de longo sen alimentos, sen electricidade e sen combustible, algo máis parecido a un xenocidio que a unha guerra”.

Neste sentido, Ferrol en Común pedirá no Pleno que se respecten as fronteiras acordadas en 1967 e o cumprimento das resolucións da ONU, así coma instar ao goberno de España ao recoñecemento do Estado de Palestina, con todas as consecuencias e a mediar a nivel internacional para poñer fin á guerra que declarou Israel contra a Franxa de Gaza. “Aínda que non e un tema local cremos que é imprescindible posicionarse a carón do pobo palestino” remataba Suárez.