Ferrol, 2 de novembro de 2023

O pasado 10 de outubro foi o Día Internacional da Saúde Mental e dende Ferrol en Común aproveitamos para incidir na importancia de contar cuns servizos públicos dotados de recursos suficientes para poder coidar a nosa saúde mental e propoñer unha batería de accións e iniciativas que se poderían levar a cabo dende o Concello neste eido.

Hoxe, fomos informados en Comisión de Benestar Social da organización de 8 charlas para procurar a normalización e integración social das persoas con enfermidade mental que serán realizadas en 8 asociacións veciñais diferentes.

Temos que celebrar que a saúde mental apareza na axenda do goberno local pero tamén agardamos que isto soamente sexa un punto de partida de cara a crear unha programación duradeira no tempo e que acolla moitas máis accións que 8 charlas.

Xa no seu día presentamos unha moción moi extensa na que solicitábamos que o Concello de Ferrol se implicase na saúde mental e puxera en marcha actuacións coma campañas de prevención do suicidio, de deteccións de problemas de saúde mental nos centros educativos, combater a ansiedade, angustia, depresión, estrés ou calquera outro trastorno psicolóxico, publicidade dos teléfonos de atención á conduta suicida e atención aos problemas de saúde mental ou formación ao funcionariado do propio Concello.

Dende FeC amosamos a nosa preocupación polo incremento das enfermidades de saúde mental e por iso queremos instar e darlle un empuxón ao goberno local para que estas 8 charlas sexan o inicio dunha programación de actuacións máis extensa que axude a frear o incremento destas patoloxías e por outra banda, normalizalas e rematar co estigma que sofren as persoas que as padecen.