Ferrol, 7 de novembro de 2023

Mañá está convocada a Comisión Informativa de Urbanismo na que o goberno municipal inclúe un punto no que dará conta do texto da Ordenanza Municipal de reguladora dos títulos habilitantes urbanísticos e das actividades.

No informe xurídico indícase que se realizou unha consulta previa de 20 días, a contar dende o 9/08/23, a través da publicación na web do Concello da proposta de Ordenanza para que a cidadanía, organizacións e asociacións puideran participar e realizar achegas, unha cuestión que nos sorprende pois non se lle deu publicidade ningunha e pese a ser pregunta reiterada en Comisión, e mesmo mentres duraba ese período de consultas, en ningún momento se nos informou ou trasladou ese prazo aberto para achegas, nin se facilitou o texto da redacción pese a ser solicitado.

Así mesmo, faise referencia a un proceso participativo e xuntanzas con diferentes colexios profesionais das que non temos ningunha constancia. Coma tampouco sabemos que técnicos foron os encargados da redacción, os cambios que introduce esta nova lexislación. Por último, o informe xurídico determina que a Ordenanza debe ser ditamitada pola Comisión Informativa, sen embargo o punto vén coma “dar conta”.

Todos estes motivos indican unha falta absoluta de transparencia co resto dos grupos municipais e un escurantismo total de cara á aprobación dunha Ordenanza Urbanística, polo que solicitamos coñecer toda a información relativa a dita Ordenanza e que se abra un novo prazo de exposición pública con publicidade e transparencia.