FeC estima que o proceso de estabilización de emprego para o nomeamento de 3 psicólogos/as non é a forma correcta de seleccionar á Directora do CIM, con funcións concretas en violencia de xénero e dirección, polo que se require un proceso específico para este posto.

Ferrol, 23 de novembro de 2023.- Esta mañá o goberno local deu conta da publicación do anuncio de valoración provisional da fase única do concurso para o nomeamento como funcionaria de carreira da praza de Psicóloga do CIM, unha praza que leva valeira demasiado tempo e era urxente que se cubrira coa maior celeridade posible dada a importancia da praza.

En primeiro lugar, o goberno local está a presentar un proceso de estabilización de emprego coma un proceso de selección de psicóloga do CIM cando este non é verdade, xa que non tivo lugar un procedemento concreto para a cobertura deste posto.

En segundo lugar, consideramos un problema que unha praza coma esta, que ten características moi especiais, cúbrase a través dunha convocatoria xenérica de estabilización de emprego de psicólogos/as. “Estase a cubrir unha praza de Dirección dun Centro de Información á Muller sen ter en conta as súas características especiais e por tanto, sen requirir esa formación necesaria”, explicaba a concelleira Nerea P. Carballeira.

A praza de psicóloga do CIM ten características específicas e funcións de dirección, “polo que se debería de convocar dita praza ao marxe do resto das de psicólogos/as do Concello, coma se fai noutras administración locais, realizando unha valoración concreta en dirección de CIM ou similares e por suposto requirindo unha ampla formación en igualdade” indicaba a concelleira.

Dende FeC admitimos este proceso de estabilización de emprego coma forma de cubrir de xeito urxente este posto pero instamos a unha convocatoria inmediata a través dunhas bases apropiadas nas que se teñan en conta as funcións que se van a desempeñar e se valore a experiencia e formación en consecuencia.