Ferrol, 14 de marzo de 2024.- Despois dunha campaña electoral municipal onde todos os grupos municipais concordamos na necesidade de dotar de persoal público o concello de Ferrol, nestes meses de goberno o Partido Popular está amosando xa o seu verdadeiro rostro, baseado no adelgazamento do público para lucro das multinacionais e a dirección dos servizos por persoal de confianza nomeado sen ningún tipo de proceso no que impere o mérito, igualdade ou capacidade.

A realidade dos feitos é que nos últimos anos o goteo de xubilacións no concello de Ferrol é unha constante, deixando a meirande parte dos negociados sen persoal suficiente nin tan sequera para o trámite diario de expedientes, e levando ao límite aos servizos de seguridade do Concello.

Tamén é certo que se produciu unha ralentización dos procesos selectivos nas ofertas de emprego público publicadas nos últimos anos, de xeito que o ritmo de xubilacións é moi superior ao das novas incorporacións, o que, sumado a vixencia da taxa de reposición actual, impide subsanar o problema estrutural de falta de persoal público no concello de Ferrol.

Ante esta situación o goberno do Partido Popular o que propón para o Capítulo I dos orzamentos de 2024 como novidade é a creación de dous novos asesores nomeados de forma discrecional, un asesor para deportes e outro para servizos, ademais dun posto de coordinación en benestar, incrementando o número de xefaturas, sen que haxa persoal de base que desenvolva unha administración moderna e eficaz, creando unicamente unha praza de administrativo. Dende o inicio do mandato son xa cinco os asesores creados ex novo polo PP, e ningunha solución no déficit de persoal nos centros xestores, cuadrilla de obras, policías, bombeiros ou cemiterios.

Ante esta situación de nepotismo e autocracia Ferrol en Común propón como prioridade en materia de recursos humanos:

– Medidas para acelerar as ofertas de emprego público vixentes, acelerando o nomeamento de tribunais e dos procesos tanto de novo ingreso como promoción interna e estabilización

– A anulación dos novos postos previstos no orzamento 2024 para asesores en servizos e deportes, para ser substituídos por persoal administrativo nesas mesmas áreas.

– O incremento masivo de prazas nos servizos deficitarios, instando á Delegación de Goberno a rachar coa taxa de reposición por unha situación excepcional de precariedade con 100 prazas vacantes no concello de Ferrol.

– En tanto non suceda a aprobación de programas destinados a paliar de forma temporal a crise que viven servizos como biblioteca, área de cultura, deportes, contratación e outras.