Ferrol, 15 de marzo de 2024.- Ferrol en Común advirte que o goberno do Partido Popular non está a realizar os trámites necesarios para convocar as axudas á rehabilitación para as catro zonas ARI da cidade e ten paralizados 3,5 millóns de euros dos fondos Next Generation.

A finais do ano 2022 fíxose o reparto provisional dos fondos europeos Next Generation para a rehabilitación de vivendas, máis concretamente, para a mellora da eficiencia enerxética. Unhas axudas ás que poden optar os veciños e veciñas que sexan propietarios dunha vivenda nas zona de A Magdalena e Ferrol Vello, Recimil, A Graña e Esteiro Vello. A contía que se adxudicou a nosa cidade foi de 3,5 millóns de euros, que se repartirán entre os veciños e veciñas que presenten proxectos de obras e se cubrirán ao 40%, 65%, 80% ou o 100% en casos de vulnerabilidade económica.

Sen embargo, o goberno local mantén paralizadas estas axudas fundamentais porque aínda non redactou as bases que posibilitan a convocatoria e tramitación destas axudas, freando así a rehabilitación da nosa cidade e que os particulares poidan acceder aos 3,5 millóns de euros.

O prazo para ter asignadas ditas axudas remata en decembro deste ano, polo que imos xustos de tempo. Esta nefasta xestión por parte do Partido Popular afecta directamente á veciñanza que terá moito menos marxe para a presentación de proxectos para a rehabilitación e afecta directamente á cidade, porque estamos en risco de perder os 3,5 millóns de euros se o Partido Popular non fai o seu traballo. Polo momento, o ano pasado xa foi un ano perdido en canto á rehabilitación de zonas que teñen moitas necesidades nesta materia.

Por último, chama a atención coma o Partido Popular de Lugo reclama estes fondos ao goberno de lucense e denuncia a posible perda dos fondos Next Generation e, sen embargo, para o Partido Popular de Ferrol pasa absolutamente desapercibido, pois son eles mesmos os que non están a cumprir os trámites e poden facer que se perdan os 3,5 millóns asignados para a rehabilitación da nosa cidade.