Ferrol, 27 marzo 2024.- FeC considera inadmisible que sabendo a data concreta de vencemento do actual convenio, non se teñan postos os medios necesarios para chegar a un acordo entre Concello e Deputación co fin de garantir a prestación dun servizo esencial nos concellos limítrofes, que pon en risco a seguridade das persoas por unha falta de entendemento político.

Cómpre indicar que os servizos de seguridade do concello, tanto o que atinxe a Policía Local como a Bombeiros, están infradotados de persoal, cunhas infraestruturas obsoletas e cunha política de abandono nos últimos anos que deixan as plantillas diezmadas, os vehiculos insuficientes e os espazos que ocupan necesitados de actuacións urxentes que garantan unha digna prestación do servizo.

Agora, nun paso máis de falta de interese, o goberno local non é quen de asinar un convenio que se viña prorrogando sen dificultades nos últimos mandatos e que pode deixar sen servizo ante unha emerxencia a concellos como Fene, Neda, Mugardos, Ares, Valdoviño ou Cedeira, malia a contar co servizo público máis profesionalizado da contorna.

Á falta de dotación por parte da Autoridade Portuaria, pola sinatura dun convenio de momento baleiro de contido, á desastrosa xestión na adquisición de camións escaleira e adecuación do parque de bombeiros, á inoportuna cubrición de prazas necesarias para cubrir todas as vacantes por quenda libre e promoción interna, súmase agora este despropósito que pon ás claras que o goberno do PP está máis interesado nas obras faraónicas e anuncios mediáticos que en dotar os servizos do persoal suficiente en condicións dignas para ofrecer os servizos máis básicos á cidadanía de Ferrol, polo que dende o grupo municipal de Ferrol en Común instamos a que de forma transparente se informe a traballadores e grupos municipais dos pasos dados, da folla de ruta a seguir e que se activen os mecanismos necesarios para a sinatura dun convenio que garanta o servizo como se viña prestando en condicións dignas para os traballadores do parque municipal de bombeiros.