Ferrol, 26 de marzo de 2024.- Esta mañá o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeira, visitou o Concello de Ferrol e mantivo unha xuntanza cos grupos municipais da corporación na que puidemos dar traslado das demandas e necesidades máis relevantes para a nosa cidade.

Fai uns meses presentamos unha moción que foi aprobada por unanimidade para impulsar a compra do edificio de suboficiais de Canido co fin de ampliar o espazo da Asociación Aspaneps, que actualmente ten alí o seu local de traballo, e darlle un uso social e veciñal ao resto do edificio. Por este motivo, solicitámoslle ao Delegado do Goberno en Galicia, a cesión deste inmoble.

Así mesmo, demandamos que nestes vindeiros catro anos se inicien as obras para solucionar o problema do tempo do traxecto de tren Ferrol – A Coruña, unha demanda histórica que ata o momento tan só se aborda con proxectos e propostas, pero as obras nunca comezan.

Doutra banda, insistimos na importancia de dotar de carga de traballo a Navantia e solicitamos que se concreten os prazos para a construción do buque comprometido polo Presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Tamén demandamos a ampliación do dique de carenas e a construción do dique cuberto, dous intervencións que completarían a transformación necesaria do noso astaleiro.