Ferrol, 2 de abril de 2024

Esta mesma mañá, o Concelleiro e Concelleira de FeC, mantiveron unha xuntanza coa Edil do goberno encargada dos orzamentos municipais co fin de realizar unha serie de achegas coas que mellorar o borrador das contas locais presentadas a pasada semana.

En primeiro lugar, fixemos constar a nosa preocupación pola conxelación de fondos en areas clave que teñen que ver coa vida das persoas, coma é Benestar Social, polo que lle solicitamos ao goberno que aumente estas partidas e inclúa un Plan sociocomunitario para San Pablo e engada outro para o barrio de Recimil, cos que contribuír e traballar na inclusión total e boa convivencia de toda a veciñanza. Así mesmo, FeC segue defendendo un incrementodos fondos de emerxencia social e que a súa tramitación sexa moito máis doada.

No mesmo sentido, pedímoslle ao goberno local que aumente o investimento consignado para as areas de Igualdade e Xuventude, e aposte por políticas reais nestes eidos dotándoas do orzamento preciso para levar a cabo proxectos e plans nestas dúas concellerías imprescindibles para a nosa cidade e sociedade.

Dende FeC defendemos a accesibilidade total, polo que solicitamos incluír nos orzamentos unha partida nesta materia para o desenvolvemento da VI Fase de pasos de peóns accesibles e así seguir avanzando nunha cidade para todos e todas.

Doutra banda, hai moitos deberes pendentes coa nosa cidade que non se atopan incluídos dentro destes orzamentos, coma é o equipamento da zona rural, o Plan de iluminación pública de baixo consumo, o novo Regulamento de Participación Cidadá, a cuadrilla permanente para o servizo de rozas, a actualización do PXOM, a recuperación do Padroado de Deportes, o Plan de Mobilidade para o barrio da Magdalena ou a mellora dos parques caninos. Todo isto, foi trasladado hoxe na xuntanza coa Concelleira de Facendo dentro da nosa posición construtiva e compromiso coa cidade de Ferrol.

Xa no relativo a urbanismo, Ferrol en Común instou ao goberno local a incluír nestas contas os seguintes proxectos:

– Redacción de proxecto de urbanización da Praza Vella.

– Redacción do proxecto de rehabilitación da Casa do Patín en Canido e da Casa de Carvalho Calero en Ferrol Vello, co desenvolvemento a través da oficina municipal de rehabilitación e coa participación de entidades veciñais e culturais.

– A través dun convenio ou da compra directa, adquisición do Edificio de Suboficiais de Canido para o seu uso público, unha moción de FeC que foi aprobada por unanimidade en Pleno.

– Desenvolvemento da 2º fase das beirrarúas de Pazos.

– Continuación da rehabilitación do Antigo Hospicio.

– Desenvolvemento da 2º fase do Mercado de Caranza.

– Creación dun aparcadoiro no barrio da Graña.

Por último, dende Ferrol en Común propuxémoslle ao goberno local o inicio dunha negociación co Ministerio de Defensa para a obtención dunha compensación económica pola ocupación de máis do 20% do chan da nosa cidade.

Dende Ferrol en Común consideramos que todas estas propostas mellorarían os orzamentos da cidade e dende a nosa posición e actitude construtiva así llo trasladamos hoxe á edil do ramo agardando que sexan incluídas nas contas municipais, coma foron tidas en conta algunhas das nosas achegas do ano pasado nos orzamentos deste 2024 e grazas a iso veremos coma se continúa a rehabilitación de Recimil, coma se remodela a Praza Rosalía de Castro ou coma se desenvolve o ascensor no aparcadoiro do Cantón.