Ferrol, 18 de abril de 2024.- Ferrol en Común denuncia o estado lamentable no que se atopan os parques caninos da nosa cidade. Xa son moitas as veces que intentamos que estes recintos teñan un bo mantemento e se melloren as instalacións, pero todas as nosas chamadas de atención quedan en saco roto, pois nin o goberno anterior nin o actual, que xa leva 1 ano de mandato, fixeron nin unha soa intervención neste sentido.

En Ferrol hai máis de 11.000 cans, a maioría deles vivindo en zonas urbanas onde atopar espazos de esparcemento é practicamente imposible. Por iso existe a necesidade de contar con parques caninos, pero estes deben estar en boas condicións para que o seu uso sexa seguro tanto para os cans coma para as persoas.

FeC quere denunciar o estado lamentable no que se atopan estes recintos caninos, un estado que non é cousa dun día se non dunha deixadez total e absoluta de mantemento destes lugares para os cans. As portas e pechaduras da maioría dos parques atópanse rotas dende fai anos, obrigando á veciñanza a buscar solucións caseiras coma atar unha corda ou poñer un tope de madeira. Outra das carencias é que moitos dos parques caninos non contan con fontes adaptadas para os cans, unha cuestións que debería subsanarse. Así mesmo, os enreixados de todos os parques son fráxiles e endebles e están rotos ou caídos, cando deberían de ser de tipo hércules, coma son noutras cidades, para garantir a seguridade dos cans e evitar calquera perigo non só para eles, se non para toda a cidadanía. O seu mantemento en xeral é deficiente, os buratos non se arranxan, a iluminación é limitada e as dimensións dos parques quédase pequenas para a alta afluencia de cans que os usan a diario.

En definitiva, dende FeC consideramos que existen demasiadas carencias respecto ao mantemento que se deberían de solucionar e infinitas melloras que se poderían acometer para facer destes lugares uns espazos dignos para o desfrute dos cans e dos seus donos, nun tempo no que, por sorte, cada vez se avanza máis nos dereitos dos animais e no coidado do seu benestar, por iso pedímoslle ao goberno municipal que se poña máns a obra e comece a realizar os arranxos máis básicos en todos os parques caninos para logo acometer as melloras que eles mesmos anunciaron.