Ferrol, 23 de abril de 2024.- Ferrol en Común solicitará no Pleno que se adxudiquen os postos baleiros dos mercados e que se poña en marcha un programa de charlas para previr as estafas ás persoas maiores.

Os tres mercados da cidade contan con máis de 20 postos baleiros que se atopan pechados e sen adxudicar, impedindo á veciñanza acceder a un espazo municipal onde desenvolver un proxecto de negocio e entorpecendo a revitalización das prazas de Abastos, que constitúen un centro de actividade económica e social nos barrios, funcionando baixo o modelo de pequeno comercio de proximidade e fomentando o consumo de produto local, o cal é fundamental para o crecemento económico e social da nosa cidade ademais de ofrecer oportunidades de emprego á veciñanza.

Son moi poucos os procesos que se convocan para optar a un posto nos mercados municipais de Ferrol, ao marxe do convocado polo goberno anterior no 2020 a raíz da Covid-19 e baixo unhas condicións especiais, a última vez que se abriu o prazo para concorrer a algún posto foi no 2017, baixo o mandato de Ferrol en Común.

Dende FeC consideramos fundamental realizar unha aposta seria e decidida polos mercados municipais, buscando a súa revitalización non só a través das reformas absolutamente necesarias que precisan, senón tamén sacando a concurso todos os postos libres que existen neles. Estimular e incentivar a ocupación dos postos vacantes dos mercados municipais implica a reactivación económica do núcleo urbano da cidade e apostar decididamente por un modelo económico local que beneficia a toda a cidade. Cantos máis postos haxa funcionando nos mercados, haberá máis oferta, máis afluencia, máis dinamización e será moito máis doado competir coas grandes superficies.

Por este motivo, FeC defenderá unha moción no Pleno na que instará ao goberno local á convocatoria inmediata do proceso de adxudicación de todos os postos baleiros nos mercados de Caranza, Recimil e A Magdalena, incluíndo cláusulas sociais coas que dar prioridade á xuventude ou aos parados de longa duración para favorecer a inserción laboral. Así mesmo, tamén apostamos por abrir as prazas de abastos a negocios de hostalería, onde se podería consumir o propio produto de venta no mercado, contribuíndo a dinamizar estes espazos municipais.

Doutra banda, presentamos unha moción relativa ao actual aumento das estafas e timos, sobre todo en persoas maiores, que se converten no colectivo máis vulnerable da en canto a sufrir este tipo de delitos, por ser persoas con tendencia a ser confiadas e sen problemas en falar con todo o mundo. Ademais os delincuentes aprovéitanse de que normalmente contan con menores habilitades tecnolóxicas, boa fe e incluso o medo que poden sentir. Sumado a isto, é importante destacar que máis do 35% das mulleres maiores de 75 anos e case o 15% de homes da mesma idade viven en soidade, o que os/as converte en vítimas máis accesibles para os estafadores/as.

Segundo os datos dos corpos de seguridade do estado as estafas a persoas maiores incrementáronse máis dun 60% nos últimos anos e o incremento non cesa. Por iso é moi importante que estean moi ben informados sobre os tipos de roubos e estafas máis comúns para poder evitalos, e se acaban ocorrendo que saiban coma actuar e coma denuncialos á Policía.

Froito da nosa preocupación por esta situación, solicitaremos no Pleno baixo unha moción, a posta en marcha dun programa de charlas informativas dirixidas ás persoas maiores nas que ofrecer información sobre as estafas máis comúns, coma evitalas, coma actuar fronte a elas e coma denuncialas á Policía.