Ferrol, 10 de setembro de 2024.- Esta mañá tivo lugar unha Comisión Informativa de Facenda onde o goberno local deu conta da proposta inicial da Oferta de Emprego Público para o ano 2024.

Tendo en conta as carencias e necesidades que teñen no Concello de Ferrol en canto a persoal, dende FeC, consideramos unha oferta de emprego pouco ambiciosa e insuficiente, ademais de non solucionar a maioría dos problemas de persoal que se padecen dende fai anos e que ao final, os que a sofren, son os veciños e veciñas desta cidade.

Neste caso, queremos poñer o foco no desprezo do goberno local á cultura e a industria local adicada aos servizos sociais e culturais. Primeiro foi o arquivo total do Plan Estratéxico de Cultura que, aínda que sería pioneiro na cidade, está gardado nun caixón; e agora é a proposta da nova OPE e modificación da RPT, na que se inclúen prazas coma técnico de RRHH ou técnico de patrimonio pero se esquecen outras coma técnico de cultura ou técnico de animación sociocultural.

Por unha banda, a praza de técnico de cultura é un posto clave na area de cultura, que ata fai pouco estaba cuberta e agora queda deserta, pois non será convocada nesta OPE 2024, deixando á cultural ferrolá orfa e ao departamento en precario. Doutra banda, a praza de técnico de animación sociocultural é un dos postos más necesarios no cadro de persoal do Concello, pois a Casa da Mocidade leva anos sendo atendida por unha asociación, sen contar con persoal técnico municipal e sen dar un servizo fundamental en calquera cidade onde a xuventude poida desfrutar dun espazo, dun asesoramento ou de actividades dirixidas polo propio Concello.

Así é coma traballa o goberno popular, cunha folla de ruta na que a cultura redúcese a unha semana de festexos pero o resto do ano non se lle ten en consideración.