foto-anton-2
Os deputados Antón Sánchez e Marcos Cal xunto ao Alcalde de Ferrol Jorge Suárez, e os concelleiros Esther Leira e Álvaro Montes

No día de onte os deputados no Parlamento Galego de En Marea Antón Sánchez e Marcos Cal mantiveron unha xuntanza cos concelleiros de Ferrol en Común Álvaro Montes Celeiro e Esther Leira xunto ao alcalde Jorge Suárez, para recoller as demandas da cidade con vistas a preparar distintas enmendas aos orzamentos presentados hai unhas semanas polo executivo galego e que de novo deixan a Ferrol e a súa comarca con demandas históricas sen atender.

Estas xuntanzas están encadradas nunha serie de reunións que están mantendo os deputados galegos de En Marea con distintos concellos co obxectivo en verbas de Antón Sánchez de “acadar unha cooperación e facer unha fronte común fronte as políticas neoliberais do PP”.

Pola súa banda o alcalde Jorge Suárez destacou “a importancia de xuntanzas coma estas para que Ferrol en Común teña voz no Parlamento Galego” e sobre todo xerar “sinerxias de colaboración con En Marea xa que todos formamos parte da mesma familia”. Ademais o rexedor ferrolando agradeceu a presenza de Antón Sánchez e Marcos Cal por “achegarse aos concellos a coñecer de preto a realidade”

Durante a antedita xuntanza trataron temas coma a transferencia da AP9, Vivenda e Medio Ambiente ou as infraestruturas especialmente as conexións dos “camiños de ferro” tanto no tramos de Ferrol – A Coruña, como as liñas de proximidade de FEVE. Por outra banda, o saneamento da Ría foi outro tema a tratar na reunión, xa que tanto Antón Sánchez coma Jorge Suárez destacaron a importancia desta para ter un medio ambiente sostible lembrando “a fraude da que foron obxecto os ferroláns pagando por unha taxa de saneamento por un servizo que aínda non estaba en funcionamento” tal e como afirmou o alcalde Jorge Suárez.