FORA DO MAPA1
O concelleiro Suso Basterrechea durante a Rolda de prensa

Basterrechea destaca a “altísima calidade” dos artistas, espectáculos e da programación que da forma a esta proposta escénica arriscada e singular que arranca este luns 30 cunha morea de sorpresas a pé de rúa.

Preto de 50 persoas dan vida a ‘Fóra do Mapa’, no que tamén se embarca Chévere (PremioNacionaldeTeatro2014), con roteiros de turismo teatral de balde

Ferrol, 27 maio.-  Ferrol colle a batuta da vangarda cultural de Galicia con ‘Fóra do Mapa’, como se deu en chamar a este I Festival de Artes Escénicas de Ferrol.

Trátase duna proposta arriscada e novidosa da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol que aposta pola innovación teatral con sete días (do 30 de maio ao 5 de xuño) de teatro, microteatro, pasarrúas e roteiros de turismo teatralizados para darlle vida das rúas da cidade facendo dos espazos convencionais, improvisados escenarios a pé de rúa.

O concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, salientou hoxe “a altísima calidade e o nivelón artístico desta proposta teatral”, que ao contrario do seu nome, pon a Ferrol no centro do mapa da cultura galega e percorrerá as nosas rúas con compañías punteiras e de prestixio como os Chévere, pezas teatrais deliciosas e a orixinalidade de Oligor e da Orquestra Omega.

Medio cento de persoas, entre organización, compañías e alumnos dos obradoiros, danlle forma e vida a este I Festival das Artes  Escénicas de Ferrol no que participan 9 compañías de prestixio da escena galega e estatal: Ibuprofeno, Voadora, Maquinarias, Chévere, Oligor e Microscopía Teatro, Teterella e Teatro La Miracle, con propostas moi innovadoras tanto nos espazos como nos tempos e ritmos.

“Vai na liña da revolución cultural que vimos facendo e que queremos facer neste mandato e na que estou a traballar desde que asumín esta responsabilidade”, manifestou Basterrechea en rolda de prensa. “Pasa por levar a cultura as rúas, saír dos espazos habituais na procura do público e por en valor o noso patrimonio e a nosa cidade”, expuxo o concelleiro, acompañado por Cristina Moreira, unha das artífices deste I Festival.

Neste saco da innovación teatral que chega da man de ‘Fóra do Mapa’, teñen cabida  os microteatros -ou Teatro Miúdo -pezas breves de 15 a 20 minutos para aforos reducidos-, performance a cargo de Macarena Montesinos, unha exposición de Katrina Biurrun (Antigo Hospicio de Amboaxe), monográficos, espectáculos longos, obradoiros e o singular roteiro de turismo teatralizado polos portais, galerías e edificios emblemáticos da cidade que nos propón Chévere, a compañía galega que se alzou co Premio Nacional de Teatro no 2014.

“Será o I Festival de Artes Escénica e chega con vocación de permanencia e espírito de continuidade, e con apostas moi orixinais e un deseño moi coidado”, remarcou o concelleiro, que animou a todos a anotarse nos obradoiros e actividades de balde que ofrece o Festival e que se poden consultar nas redes sociais, no correo foradomapa@gmail.com e na web foradomapa.org

ROTEIROS DE TURISMO TEATRALIZADO DE BALDE DA MAN DOS CHÉVERE

Chévere, a compañía galega que se alzou co Premio Nacional de Teatro no ano 2014, participa do I Festival de Artes Escénicas de Ferrol, xunto con outras compañías con nome propio e moito peso na escena estatal como Oligor, que chega desde México e Valencia. A proposta que nos fan pasa por uha sorte de roteiro turístico teatralizado, o que chaman ‘CHELO PASEO Numero 1’  por espazos da cidade para asomarnos, co teatro, unha nova perspectiva do patrimonio ao son do chelo.

Será de balde, o sábado 4 de xuño, en dúas quendas ás 12:30 e 13:30 horas e dura uns 40′. Hai 30 prazas por quenda e pódese reservar no mail foradomapa@gmail.com. Arranca na rúa Dolores 67 e remata na libraría Quijote, da rúa Real

No Festival, tamén se proxectará ‘A_VIAXE_DOS_CHÉVERE’, de Alfonso Zarauza, unha viaxe a unha nación remota do mundo en catro partes a través da Ultranoite. (Xoves 2, 19:30 no Hospicio de Amboaxe) .

Achegamos o mapa e a ligazón da web na que está a vosa disposición toda a información dos espectáculos e obradoiros previstos, co prazo de inscrición aínda aberto.

https://foradomapa.org/author/festivalforadomapa/