Deixei Ferrol hai case 20 anos, cando tiña 19, coa firme vontade de non regresar, pois sentía que a cidade non me ofrecía o que eu precisaba: oportunidades, diferenzas e espazo onde desenvolver a miña personalidade e os meus sonos.

E así foron pasando os meus anos na Coruña, Portugal, Francia, Marrocos, Honduras,… vivindo co sentimento de que nunca regresaba a Ferrol, senón á miña familia, durante as miñas vacacións.

Foi en 2009, vivindo o golpe de Estado en Honduras, cando isto cambiou. De súpeto, grazas ao meu irmán Miguel Castro, coñecín un Ferrol solidario, activo e de esquerdas que se solidarizaba coa resistencia a ese atentado á democracia que eu vivía en primeira persoa. Tratábase de persoas que pensaban desde e para a súa comunidade traspasando fronteiras, baixo uns valores de xustiza social e democracia que só poden mirarse en global. E foi nese momento en que eu regresei a Ferrol. Volvín a ser ferrolana.

Neste momento vivimos no estado español un momento de cambio, de repolitización dunha cidadanía que quere apropiarse da política como ferramenta transformadora da vida, do mundo. Ferrol non pode ser alleo a este momento que resulta unha oportunidade única para pasar do gris á cor. Os ferroláns e as ferrolás meréceno e poden actuar para telo.

Para min a proposta política de Ferrol en Común reflicte esta oportunidade ao estar conformada por persoas procedentes dos movementos sociais e políticos que traballan de xeito cotiá para mellorar a vida das persoas.

Todas e todos temos o dereito a vivir con dignidade nunha cidade que nos respecte e protexa. Na que poder vivir en común.
Dende Mauritania desexo un Ferrol en Común.

María Castro Serantes. 
Socióloga e cooperante