Ferrol, 24 de setembro de 2019

Jorge Suárez e Suso Basterrechea en rolda de prensa

Ferrol en Común deu o seu voto, despois dunha reflexión colectiva, ao partido socialista confiando en que se desenvolvesen políticas de esquerdas e unha política de diálogo e consenso coa forza que o respaldaba. Deste xeito, asinouse un acordo para a estabilidade Psoe-Ferrol en Común que a día de hoxe seguimos esperando que se cumpra.

Dende FeC, pensamos que o diálogo e a construción colectiva dende a esquerda é o mellor para a cidade, pero estámonos a atopar cun goberno que toma decisións unilaterais que van contra os intereses do concello e contra o goberno anterior, botando para atrás proxectos consensuados como o aparcadoiro disuasorio de Canido, o traslado a FIMO da policía local e bombeiros ou a adxudicación dos locais de Porta Nova. “Temos que afearlle ao goberno de Mato o xesto de que coñezamos estas medidas a través dos medios de comunicación” e máis cando existe un acordo de goberno entre ambos.

“Sabemos que Angel Mato está na Alcaldía pero estase convertendo nun bunker inexpugnable onde apenas se convocan xuntas de voceiros máis que para asuntos de trámite”. Para Ferrol en Común é fundamental respectar os acordos pero polo momento non temos coñecemento de que ningún deles se vaia a cumprir, como por exemplo a creación dunha mesa de traballo para a mellora das infraestruturas, creación dunha mesa técnico-política para a xeración de emprego en defensa do sector naval, colaboración mutua en servizos sociais, puntos existentes no acordo asinado pero dos que non se teñen noticias.

“É sorprendente que o seu maior logro sexa retomar as relacións con outras administracións” cando as relacións dentro do Concello son nulas e dende logo “é un bagaxe moi pobre para 100 días de goberno”. Tamén cabe destacar a súa continua alusión ao desbloqueo de proxectos como o do CHUF (Centro Hospitalario Universitario de Ferrol) que está aprobado polo goberno de FeC a través dun procedemento extraordinario (a Lei 3/2016) e publicado no BOP o 1 de marzo de 2019 ou a travesía Cabanas-Serantes aprobada dende o 26 de abril de 2019. “Non se poden levar medallas polo traballo de outros sen previa comunicación polo que apelamos ao respecto mutuo e o diálogo”.

Queremos resaltar o malestar que nos chega por parte dalgunhas asociacións veciñais pola falta de comunicación, a preocupación das entidades deportivas porque saían adiante os convenios dos que dependen e as entidades culturais que teñen dificultades para comunicarse co Concello. Botamos en falta que moitas actividades que se viñan desenvolvendo en colaboración con outras entidades ou mesmo organizadas directamente polo Concello desapareceran como a Semana da Mobilidade, Canvivindo, as actividades na aula de mobilidade que implicaban unha interrelación cos centros escolares que non se está dando ou outras actividades como a carreira nocturna ou a travesía a nado que facíase cada ano, “pero logo sacan peitos das boas relacións con outras administracións”.

Ferrol en Común pronúnciase tamén no eido dos recursos humanos, un tema prioritario para o concello, “parece un mantra o tema das 80 vacantes existentes pero é algo que non é novo e que veu imposto pola taxa de reposición da lei Montoro” que afectou a varios mandatos anteriores creando unha situación que impide sacar as prazas precisas; polo que instamos a que se busquen as formas para salvar a oferta de emprego público na medida do posible e que esas medidas de organización,que xa se están tomando, “non pasen por ceses fulminantes como ocorreu coa xefa de servizo de deportes e cultura e que descabezou un área que ten unhas necesidades urxentes e que a día de hoxe non hai quen asine”.

Ferrol en Común considera que nestes 100 días non existiu unha folla de ruta nin un diálogo fluído co resto de forzas políticas da corporación e agarda que se dean pasos cara diante cun proxecto claro e viable.