As explicacións dadas de forma unilateral sobre a Praza de Armas para adiar a súa apertura vinculándoa á celebración dun gran evento non son propias do rigor e a necesidade de espazos públicos.

Nas últimas semanas Ferrol foi un modelo inédito na súa historia recente polos acordos adoptados na xunta de voceiros, que propiciaron a aprobación de fitos como bases para a promoción económica de recuperación das persoas autónomas e pemes, convenios con entidades sociais e Protección Civil, que están a xogar un papel fundamental nestes tempos de excepción en favor das persoas máis vulnerables, grazas ao consenso e achegas dos grupos municipais, non só importantes polo seu contido, se non pola percepción cidadá de que a corporación está á altura das circunstancias en tempos que precisan da unidade para que ninguén quede atrás.

Lamentablemente este consenso parece debilitarse con decisións unilaterais e notas de prensa dos grupos ou mocións que sacan á luz asuntos non debatidos, ou ben preacordos que se pretenden apropiar cun único fin, o rédito político. Comezar agora unha carreira por ver quen ten a mellor idea nesta crise só evidencia unha volta atrás no que o máis prexudicado vai ser o colectivo máis vulnerable da nosa cidade.

Dende Ferrol en Común instamos a recuperar ese espazo de debate e construción de forma inmediata, co fin de tratar, entre outras, as seguintes cuestións:

  • A apertura inmediata da Praza de Armas, cun consenso social de espazo único e aceptado como lugar de todas, máis necesario que nunca ao estar limitada a circulación do vehículo privado, que debera ser o primeiro chanzo para unha peonalización programada e estudada entre todos os grupos.
  • Un proxecto de cidade para a desescalada, que debe continuar coa procura de recursos para axudas directas dende a área de benestar, seguindo o modelo de renda básica municipal de Coruña e Santiago, que puidera suplir as deficiencias, excesos de trámites burocráticos e retrasos nas adxudicacións do Risga.
  • A extensión das bonificacións da taxa de abastecemento de auga a colectivos máis vulnerables a todas as taxas municipais.
  • O comezo da tramitación do expediente de socorrismo, para evitar un verán sen baños.
  • O estudo técnico para a contratación de máis persoal municipal, co fin de prestar un mellor servizo, buscando fórmulas por programas como o plan coopera en benestar ou obradoiros de emprego que poidan por unha banda suplir situacións límite de moitas persoas e mellorar a calidade do servizo público.
  • Un plan de recuperación para as entidades do ámbito cultural, deportivo, ecoloxista da cidade que viron paralizada a súa actividade.
  • Insistimos e reforzámonos na idea formulada o 25 de marzo, a necesariedade de desbotar o anteproxecto de orzamento presentado e a elaboración dun orzamento exprés que teña como obxectivo básico a recuperación económica e social provocada pola pandemia.

Ferrol en Común está disposta á man tendida e chegar a acordos, lembrándolle ao goberno que amosou o apoio na súa investidura nun acordo bilateral asinado cunha serie de puntos que deberan cumprir, por reciprocidade e porque a minoría na que gobernan esixe da procura de colaboración necesaria, sen trampa nin cartón, para que esta cidade saia adiante e, polo tanto, antes de que a situación se converta nunha nova guerra de guerrillas entre os grupos á que tan habituada temos a veciñanza, instamos a unidade de toda a corporación para evitar un novo colapso que bloquee a capacidade da administración local de estar onde debe, próxima aos que viven nela.