A falta de medios económicos provoca inseguridade e risco de propagación masiva do virus na comarca

Ferrol, 15 de outubro de 2020

Ferrol en Común ven de manter varias xuntanzas con diferentes axentes do sector da educación coma o Sindicato de Estudantes, a dirección do IES de Canido, profesorado do IES Leixa, a Federación de Anpas de Ferrolterra, a Anpa do IES Sofía Casanova e a Anpa do IES de Canido. Todos eles transmítennos o mesma mensaxe de preocupación pola situación na que se atopa o sistema educativo.

Despois dun inicio de curso marcado pola inestabilidade das decisións da Xunta de Galicia en canto ao protocolo Covid-19 na ensinanza e de aplicar a lei do “sálvese quen poida” en todos os centros escolares e institutos galegos, pois non foi quen de dar directrices unificadas, nin de dotar dos recursos necesarios, nin de tomar as medidas precisas para facer fronte á Covid, vémonos agora, case 1 mes despois do comezo do curso, na mesma situación caótica e constatando o que era evidente: o persoal educativo segue estando só ante a Covid-19.

Vemos como a Xunta lonxe de investir nos prometidos dobletes ou na contratación de moito máis persoal, segue mantendo ratios elevadas nas aulas, distancias de seguridade mínimas e mamparas de dubidosa eficacia, o que provoca un gran malestar e preocupación en todo o sector educativo sobre o que recae todo o esforzo e responsabilidade. Ademais de asistir a un certo oscurantismo na falta de información en canto aos casos de Covid-19 que se están a producir pois non existe unha canle que garanta o rigor informativo necesario para estas situacións.

Ferrol en Común considera que a situación educativa non é a idónea e o escenario futuro píntase peor se non se actúa cos medios e a seriedade precisa, pois é moi probable que se todo segue coma ata agora as clases non poidan seguir desenvolvéndose de xeito presencial, pois os casos de Covid-19 comezan a ser significativos no sistema educativo da nosa cidade.

Doutra banda, a implicación do Concello de Ferrol ante esta situación ten que ser moito maior, dando contido ao Consello Escolar Municipal máis aló de formalismos, pois este órgano foi convocado unha soa vez e os compromisos quedaron en mera palabrería.

Segundo o transmitido a FeC nas xuntanzas mantidas, a comunidade educativa atópase nun estado de preocupación e inquietude permanente provocando pola inacción da Xunta o que xera un ambiente que non é o adecuado para desenvolver a labor docente coma é debido. Temos que lembrar que outras administracións públicas seguen pechadas a “cal e canto” mentres os mestres e profesores acoden cada día aos seus postos de traballo expoñéndose ao virus para logo voltar aos seus fogares coas súas familias, fillos/as, maiores… e o temor de levar a Covid a casa. Doutra banda, a Xunta está a tomar medidas que limitan as xuntanzas e o aforo en determinados lugares e situacións pero no ámbito educativo non vemos que se leve a cabo ningunha medida extraordinaria.

Dende Ferrol en Común entendemos que as decisións tomadas pola Xunta de Galicia non son suficientes e cremos que a propia Xunta é consciente diso, pois antepon o aforro económico ante a crise sanitaria que estamos a surfrir. O esforzo inxente e a total responsabilidade no control da Covid-19 na ensinanza recae directamente sobre os equipos directivos que intentan controlar moitos máis campos que os que lles son propios, sometidos a unha gran tensión e estrés día tras día, mentres a resposta por parte das inspeccións é insuficiente e o apoio por parte da administración educativa ou sanitaria é inexistente.

Polo que dende FeC, demandamos moitos máis esforzos económicos, contratación de máis profesorado, ampliación de espazos, disminución das ratios, atención adecuada aos colectivos que a precisan polas súas condicións particulares, maior control no transporte escolar e máis recursos por parte das administracións públicas, en especial da Xunta de Galicia como principal responsable da educación no noso país e do Concello de Ferrol coma entidade máis próxima ao ámbito educativo da nosa cidade.