Ferrol, 4 de novembro de 2020


Durante a primeira vaga da pandemia, a Covid-19 puxo a proba ás administracións públicas e as súa resposta fronte as necesidades que xurdiron para toda a poboación. Ademais das dramáticas consecuencias sanitarias que provocou o virus, trouxo consigo unha profunda crise socio-económica agudizando máis se cabe as situacións de vulnerabilidade de moitas persoas.


Tendo coma experiencia o acontecido, o que está a pasar no resto de Europa e os máis de 1000 positivos que acumula a nosa Área Sanitaria, dende Ferrol en Común consideramos necesario a elaboración dun plan a medio-curto prazo, como xa anunciamos o pasado luns, para frear e darlle solución ás acuciantes necesidades da poboación que peor o está a pasar.

Dunha banda, é preciso garantir por parte dos Servizos Sociais do concello unha atención adecuada e áxil; as respostas por parte da administración local deben ser inmediatas e non se pode permitir dilatacións no tempo cando se trata de dar unha saída a situacións de precariedade que viven moitas persoas da nosa cidade. Por iso, Ferrol en Común amosa a súa preocupación polo que vai a acontecer tras a finalización do contrato de reforzo de persoal da Área de Benestar, que se iniciara durante a primeira vaga e que finalizou recentemente. Este remate das contratacións, vai repercutir na sobrecarga administrativa estrutral que padece o persoal técnico desta parte social. Polo que FeC reclama un reforzo no cadro de persoal, xa que as axudas e recursos deben saír de forma urxente e non poden quedar paralizadas por atascos burocráticos producidos pola falta de persoal preciso.


Ademais, o concello ten que ser o garante da cobertura das necesidades básicas de toda a poboación que así o precise, e moito máis nestes duros momentos, polo que Ferrol en Común insta ao goberno local a axilizar toda clase de axudas e subvencións ás entidades sociais que traballan cóbado con cóbado en dar esta cobertura para frear as dificultades coas que se atopa a veciñanza en situación de vulnerabilidade; así coma poñer a disposición todos os recursos cos que conta Benestar Social, coma o recente “reactivado” programa de voluntariado, que podería ser unha ferramenta para axudar a paliar as necesidades xurdidas nesta segunda vaga de covid-19, sempre tendo en conta as limitacións legais da figura do voluntariado.


Así mesmo, Ferrol en Común xa solicitou ao goberno local durante a primeira vaga, a elaboración dun mecanismo coma a renda social municipal de A Coruña ou Santiago, que de telo feito naquel momento xa estaría activa a día de hoxe e complementaría o RISGA ou o Ingreso Mínimo Vital, pois a administración local xa amosou que este tipo de renda social é moito máis áxil e próxima, e conta con menos trabas burocráticas que as axudas da Xunta ou do Estado. Por este motivo, FeC, avoga unha vez máis pola creación desta renda social municipal.


Doutra banda, estamos vendo como as medidas de restricións se están a endurecer a medida que avanza esta segunda vaga, atopándonos ás portas dun segundo confinamento. Ferrol en Común considera primordial que dentro do plan a medio-curto prazo sexa tida en conta a previsión de acondicionar de novo un espazo para as persoas sen fogar onde poidan durmir baixo un teito protexidos das inclemencias do tempo, do frío e da covid, e poidan satisfacer as súas necesidades básicas alimenticias e hixiénicas.


Esta situación extraordinaria merece medidas extraordinarias polo que Ferrol en Común sempre nos terá ao lado do goberno local cando estime oportuno activalas. Para nós a frase “que ninguén quede atrás” é un obxectivo real que hai que cumprir custe o que custe.