Ferrol, 15 de novembro de 2023

Está mañá ditaminouse en Comisión Informativa de Urbanismo a Ordenanza Municipal reguladora dos títulos habilitantes urbanísticos e das actividades, sobre a que xa nos pronunciamos a pasada semana pola falta de transparencia e participación na súa tramitación.

Despois de realizar un primeiro estudo da norma, consideramos que esta Ordenanza vai xerar máis inseguridades que certezas para a veciñanza de Ferrol. A figura do silencio administrativo positivo coma forma de outorgamento de licencias non é unha opción seria e produce unha grande incertidume para as persoas promotoras das obras que non saben con certeza se están a cumprir cos requisitos urbanísticos exixidos polo Concello e polo tanto podería ocasionarlles graves prexuízos.

Ferrol en Común estudará a fondo o texto co fin de realizar achegas en tempo e forma, que contribúan a mellorar un regulamento urbanístico que dea seguridade á veciñanza, axilice verdadeiramente os trámites urbanísticos para calquera fin e facilite a tramitación destes expedientes tanto para a propia administración coma para a cidadanía.