Ferrol, 1 de decembro de 2020

O corpo de bombeiros é un servizo esencial en calquera cidade. Dan resposta inmediata a calquera suceso coma un incendio, inundación, accidente ou mesmo unha caída doméstica. Este grupo de profesionais atópanse preparados para calquera chamada de emerxencia e non só actúan na nosa cidade, se non que a súa área de traballo abrangue outros municipios da nosa contorna, ao formar parte do Consorcio Provincial.

Neste últimos tempos, tamén forman parte de ese grupo de esenciais que loitan contra a pandemia participando nas campañas de desinfección e limpeza de centros educativos, residencias, hospitais ou zonas comúns nas que o tránsito de xente é alto.

E a súa labor non remata aquí, pero enumerando este breve traballo dámonos conta de que son un colectivo fundamental na nosa cidade e que para levar a cabo todo ese cometido é fácil de entender que precisan contar con medios apropiados e con persoal suficiente, algo que o goberno local non ten en conta, pois por decisión unilateral e sen xustificación algunha recorta o persoal de garda, quedando por debaixo dos servizos mínimos.

Compartimos as demandas do corpo de bombeiros que levan meses denunciando a situación grave do servizo por falta de persoal, pero o Señor Mato, parece desoír as súas reclamacións, que de non cumprirse poden desencadear en graves consecuencias, pois nun servizo, coma xa dicimos esencial, non se pode recortar en recursos nin en traballadores/as.

Ferrol en Común quere amosar a súa preocupación coa decisión tomada polo executivo local e pide explicacións por tela tomado, pois nin fomos informados nin coñecemos en que se fundamentan para ter ao corpo de bombeiros por debaixo dos servizos mínimos. FeC considera que o servizo de bombeiros ten graves carencias de persoal estruturais pero non poden ser suplidas con recortes. Entanto non se convoquen as prazas necesarias debe garantirse o servizo mínimo que marca a lei, 9 persoas para poder atender dúas saídas simultáneas.

Doutra banda, FeC quere poñer de manifesto que detrás da reclamación dos bombeiros non está o afán de lucro coma preténdese facer crer a cidadanía, se non a profesionalidade e a preocupación de prestar un servizo digno, falando dende o coñecemento e a responsabilidade.

Por todo isto, FeC considera que é necesario que o goberno local recapacite sobre a súa decisión de recortar os servizos mínimo por debaixo do que dita a lei e non poña en perigo este servizo, ao persoal que o exerce e en consecuencia a cidadanía de Ferrol que pode ver como quedan sen atender as súas emerxencias por falta de persoal, algo que dende Ferrol en Común, non compartimos.