Ferrol, 2 de decembro de 2020

Por desgraza todos somos coñecedores do futuro que lle espera a nosa comarca en materia laboral. Estamos vendo coma a crise sanitaria que leva consigo unha crise socio-económica de gran calado está a causar grandes estragos entre moitos sectores cando non significa o peche de pequenos negocios na nosa cidade. E agora, tamén somos espectadores de como un goberno deixa de lado a toda unha comarca e a condea ao desemprego e a precariedade laboral. Estamos a esmorecer lentamente mentres as administracións non son conscientes do que supón que as inversións públicas non cheguen ata o norte galego.

O sector sindical está a elaborar un calendario de mobilizacións para reivindicar investimentos na nosa comarca que impulsen o emprego e impidan o peche de empresas clave da nosa comarca. Un claro exemplo é a empresa pública do naval, que fica abandonada polo goberno central, existindo numerosas opcións para seguir dándolle vida a empresa e aos miles de traballadores e traballadoras: dique seco, remodelación do astaleiro, aposta pola enerxía renovable, AOR, F-110… pero o goberno prefire mirar cara outro lado e deixar a toda unha comarca na estacada.

Dende Ferrol en Común, celebramos a unidade sindical nunha loita crucial, e coma sempre, apoiamos todas as reivindicacións que se leven a cabo durante estes meses e en concreto a primeira destas accións que terá lugar o vindeiro xoves 17 de decembro cunha cadea humana dende a Praza de Armas ata o Concello de Narón, na que por suposto FeC participará.