Ferrol, 15 de setembro de 2021

O 18 de setembro de 2017 a Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol asinaban o convenio para o desenvolvemento das infraestruturas necesarias para completar o saneamento da Malata, co compromiso adicional de desenvolver cos restos da súa licitación o saneamento do Río Sardiña. Esta sinatura permitiu un investimento na cidade de 7 millóns de euros.

O 9 de xuño deste mesmo ano a obra deuse por rematada e entregada ao Concello de Ferrol, acto ao que non acudiu representación municipal do goberno local, goberno cuxo alcalde se gaba dunha mellora nas relación institucionais que nada ten que ver coa realidade.

Logo desa entrega, Ferrol en Común vén preguntando comisión tras comisión cando vai entrar en funcionamento, a cantos veciños e veciñas vai afectar, se xa se lles vai pasar ao cobro á taxa polo saneamento, como se vai xestionar e como vai afectar aos caudais que entran na EBAR e na EDAR, non tendo máis que o silencio por resposta e, dende hai tres meses, remitíndose a unha Xunta de Voceiros que nunca ten lugar nin hai previsión de facela, sendo esta a tónica xeral en temas cruciais e de cidade na Comisión de Urbanismo.

Este goberno, caracterizado pola nula participación cidadá – nin unha soa asemblea de barrio, consello sectorial ou veciñal, nin iniciativas semellantes ao Ferrol + Rural- ten sumida á veciñanza na desinformación respecto a unha materia que sabemos que preocupa, que require de análises pausados e transparencia, tanto ante a veciñanza como nas sesións plenarias.

Por todo isto, dende Ferrol en Común esiximos:

1.- Unha información nídia e pública de a quen afecta o novo servizo de saneamento na Malata, se está xa en funcionamento, e o informe económico achegado.

2.- A aprobación das contas que de forma irresponsable non se levan a pleno dende o inicio do mandato.

3.- Que se retomen os sucesivos informes técnicos existentes no Concello encargados no anterior mandato que permitirían abaratar o custo da taxa de saneamento, levados a pleno por Ferrol en Común.

4.- A información pública e debatida con entidades veciñais, ecoloxistas e técnicas que avalen un modelo de saneamento sostible para a zona rural, consonte aos modelos existentes na actualidade máis respectuosos co medio ambiente, na liña dos obxectivos marcados na axenda 2030, que non casa cos modelos construtivos contidos no protocolo de execución concertada.