Ferrol, 21 de outubro de 2021

O goberno autonómico ven de aprobar os seus Orzamentos para o vindeiro ano 2022, unhas contas que din ser as máis altas da historia, cuestión que imos concretar pois tan só aumentan un 0,5%, é dicir, 64 millóns máis que o ano pasado, unha cantidade ridícula para tal propaganda, e máis cando contan coas transferencias do goberno de coalición principalmente para reforzar o escudo social, cuestión que apenas se ve reflectida nestes orzamentos.

Dende FeC consideramos que estas contas autonómicas non dan resposta aos problemas nin ás necesidades dos millóns de galegos e galegas que acaban de padecer unha crise sanitaria e seguen padecendo as consecuencias económicas da mesma. Estes orzamentos deberían de ser moito máis contundentes e ambiciosos coa recuperación que precisa Galicia e abandonar a liña do continuismo das políticas do Partido Popular: recortes en sanidade, educación e servizos públicos, ademais de favorecer ás rentas máis altas cuns beneficios fiscais que anuncian a bombo e pratiño pero que non afectarán ao común das familias galegas. Iso sí, anuncia un aumento das contías do Risga, pero sen embargo non modifica a lei para que esa axuda autonómica sexa por fin compatible co Ingreso Mínimo Vital, coma si se fixo noutras comunidades autónomas.

Máis en concreto, para a nosa cidade, a Xunta esquécese de dúas cuestións fundamentais, a primeira delas é que a nosa comarca está a esmorecer industrialmente provocando desemprego e precariedade laboral, pasando a ser a cidade coa taxa de paro máis alta de Galicia e a taxa de actividade máis baixa do estado; a segunda é que o a Xunta de Galicia ten competencias autonómicas en materia de industria que leva anos sen executar e que non inclúe nos orzamentos para 2022. Partidas coas que levar a cabo plans de emprego ou plans de recuperación industrial son as grandes desaparecidas nestes orzamentos, sendo este o principal problema da nosa comarca.

Do mesmo xeito, esquécese de que a pandemia da Covid-19 puxo de manifesto as numerosas eivas do noso sistema sanitario e da importancia do seu reforzamento, unha cuestión que non abordan estes orzamentos que non contemplan melloras nas condicións laborais do persoal sanitario ou o fornecemento dunha atención primaria cada vez máis precarizada, centrándose unicamente no Plan Director na nosa cidade e deixando de lado o tan prometido Centro de Saúde para o barrio de San Xoán, do que non hai nin rastro nestas contas.

Os problemas co transporte público que ven sufrindo a nosa cidade ou o illamento ferroviario ao que está condenada son cuestións que non se inclúen nestes orzamentos. Do mesmo xeito, todas as instalacións deportivas da nosa cidade construídas pola Xunta de Galicia nos anos 80 e 90 quedaron abandonadas pola propia Xunta, en nefastas condicións e sen facer fronte a súa rehabilitación e modernización que se ven pedindo dende fai anos, e que estes orzamentos tampouco consignan nin unha soa partida para tal fin, deixando abandonadas unha vez máis ás instalacións deportivas da nosa cidade.

De igual forma, a situación decadente que padece a Ría de Ferrol e en consecuencia todo o sector marisqueiro da comarca, non se aborda nestes orzamentos onde non se destinan nin un só euro a elaborar o tan demandado estudo sobre os fondos mariños que daría lugar a rexeneración dunha Ría que é sustento de centos de familias da contorna.

En definitiva, Ferrol en Común considera que todas estas demandas deberían estar incluídas nos orzamentos da Xunta de Galicia se a súa aposta por Ferrol fora real e non un panfleto propagandístico cheo de promesas que nunca se cumpren, consignando ano tras ano as mesmas cantidades para os mesmos proxectos que logo nunca se chegan a executar. Sin embargo, o máis salientable, é que non se destine nin unha soa partida a poñer freo á dramática situación industrial que padece a nosa comarca, deixando de lado as competencias que o goberno de Feijoo ten en materia industrial e que podería exercer e plasmar nunhas contas que deixan a Ferrol afundirse no esquecemento e na desaparición.