Ferrol, 15 de febreiro de 2022

A lei 20/21, aprobada o 28 de decembro pasado, abre para o emprego público a oportunidade de subsanar unha aldraxe sostida no tempo nas administracións públicas, con especial incidencia no Concello de Ferrol.

Esta lei dá a posibilidade de que, por unha única vez, persoas que levan ata vinte e trinta anos traballando para o Concello poidan ter a oportunidade de quitar o xugo da incerteza e precariedade laboral, ao poder estabilizar os seus postos de traballo, sen verse abocados en calquera momento a un despedimento arbitrario por parte do goberno de turno.

O Concello de Ferrol ten unha relación de postos de traballo obsoleta que data do ano 2000, incapaz de renovación por falta de acordos políticos, o que provocou por un lado un déficit estrutural de prazas que impiden a prestación correcta de servizos públicos e a materialización da vontade política e, por outro lado, unha taxa de temporalidade que desborda con moito as medias nacionais do trinta por cento. Hai departamentos completos onde a interinaxe supera ao cadro de persoal fixo: benestar, urbanismo, recursos informáticos ou recadación son claros exemplos.

Esta situación non foi propiciada polas persoas que ocupan esas prazas e fan un traballo inxente para sacar adiante en condicións precarias un concello con moitísimas dificultades de xestión, afogado pola taxa de reposición e a crise demográfica e de recursos. Esta situación foi propiciada polas sucesivas corporacións no seu conxunto, incapaces de solventar a situación creada, e agora, que a lei o permite, é o momento de subsanar unha aldraxe.

Ferrol en Común insta ao goberno a seguir unha folla de ruta determinada e transparente, con datas concretas para acadar fitos, negociada con todos os grupos e, nomeadamente, coas organizacións sindicais, ás que interpela para que neste eido, en beneficio dos traballadores e traballadoras aos que representan, actúen con unidade de acción e aparquen as súas diferenzas, toda vez que esta xanela que se abre ten data de caducidade: a data de determinación de prazas afectadas e a oferta de emprego teñen como límite para a súa aprobación xuño deste ano, e a publicación de convocatorias e bases, decembro de 2022. Fóra desa data, a oportunidade cesa e as persoas afectadas ven en risco a súa continuidade laboral, co conseguinte desplome da xestión de recursos públicos.

Ferrol en Común sempre considerou imprescindible para calquera avance de cidade, un reforzo do emprego público en todos os centros xestores, que pase, en primeiro lugar, por combater a precariedade consolidando o emprego público estrutural, acolléndose a esta oportunidade histórica e, por outro, ampliando o cadro de persoal con ofertas de emprego público abertas, que dean pulo a servizos con alta demanda como os nomeados benestar ou urbanismo, que son a primeira liña de acción para respostar as necesidades cidadás. Sen emprego público a vontade política non ten máis valor que o dun xesto formal sen contido tanxible.