Ferrol, 21 de febreiro de 2022

A pasada semana acompañamos aos usuarios e usuarias dos locais de ensaio nunha concentración ás portas do Concello para demandar a apertura destes espazos municipais que levan pechados dende novembro do 2020, máis de 2 anos, motivado por carecer dun contrato de xestión e pola apatía do goberno local que non move nin un dedo en buscar unha solución alternativa ou sacar adiante o prego. Este servizo municipal súmase a outros moitos que o goberno de Mato mantén pechados, deixou de prestar ou nin amosa interese pola súa recuperación.

Este é o caso de Aquaciencia ou da Aula de Ecoloxía Urbana, do Centro Comercial Portanova, os comedores sénior, a oficina do catastro ou mesmo as dependencias do propio Concello, e isto se soamente falamos de instalacións municipais, porque tamén atópase desmantelado o servizo municipal de deportes, relegado a un mero apéndice dende que o goberno socialista tomou posesión ou as actividades da casa da muller, que non volveron ver a luz, poñendo de manifesto ser un dos peores gobernos en políticas de igualdade.

O parque municipal Aquaciencia era un recinto dedicado íntegramente á auga, con xogos inxeniosos e un montón de elementos hidráulicos polos que pasaban un gran número de escolares e visitantes. Sen embargo, dende fai dous anos, as súas portas están pechadas, de novo a falta de contrato e de mantemento motivan esta desidia. Cabe recordar que fai uns meses o goberno municipal aprobaba máis de 100.000€ de investimento para acometer reparacións neste espazo e dende aquela nada se sabe, alongando o tempo de abandono deste parque de ocio único en Galicia.

Outra instalación que se suma á deixadez do goberno de Mato e a Aula de Ecoloxía Urbana, sita nun entorno privilexado para dar a coñecer os valores medioambientais á cidadanía, a través de programas, cursos e actividades, coma víñase facendo ata que a falta de interese do goberno socialista deixou morrer o contrato de xestión, sen previsión de novo prego, e con el toda actividade.

Unha mostra máis do desmantelamento dos servizos públicos por parte do goberno municipal é o peche da oficina do catastro ou as propias restricións que seguen vixentes para entrar nas dependencias municipais e a blindaxe total en canto o edificio de urbanismo, practicamente impenetrable, e todo isto cando a hostalería, os negocios, os centros comerciais e a vida en xeral, xa funciona con normalidade.

Con este goberno, Ferrol estase a converter nunha cidade decadente, con edificios municipais abandonados e sen uso, sendo o centro comercial Porta Nova un claro exemplo do que estamos a explicar, unha instalación cun plan de usos posto en marcha, consensuado e participado por un lado, e parado e abandonado coa chegada de Angel Mato, por outro, que elixe a deixadez, a falta de xestión e o abandono da cidade en vez de traballar por e para ela.