Dende 1972, o 10 de marzo está presente ne memoria da clase obreira. Naquela data, aínda en anos da opresión franquista, os traballadores e traballadoras de Bazán saíron a rúa para protestar polas súas condicións laborais e foron vítimas da represión da ditadura sesgando a vida de Amador e Daniel. Non esquecemos nin os dramáticos feitos, nin a valente loita obreira que se levou a cabo e que hoxe marca o noso camiño para reivindicar un futuro para a nosa comarca.

A nosa comarca non pasa polo seu mellor momento. Miles de persoas encóntranse entre a precariedade laboral, o desemprego e a incertidume. O tecido industrial pecha e o sector naval, que é o motor do noso territorio, non está a rexurdir porque non se aposta dun xeito claro e firme por el. Sabemos que hai opcións e sabemos que hai oportunidades, polo que é preciso que se dote á nosa comarca dun plan real, con obxectivos a longo prazo e investimentos consignados para desenvolver unha industria que podería converternos nunha referencia dentro do noso país.

50 anos de loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras e este 10 de marzo demostraremos que o espírito da clase obreira segue vivo. Sairemos a rúa porque sobran os motivos para loitar pola nosa comarca, polo seu futuro, polo dereito da mocidade a desenvolver a súa vida cun emprego digno na súa cidade, polo traballo de calidade, porque existen opcións que poden devolver á luz a nosa comarca e por iso temos que ser escoitados.

Dende Ferrol en Común, sumámonos á manifestación convocada para o 10 de marzo e participaremos nela así coma na posterior ofrenda floral no Monumento a Amador e Daniel, sendo un ano con máis emotividade por cumprirse 50 anos da súa loita, da nosa loita.