Ferrol, 21 de setembro de 2022

No barrio de Ultramar viven máis de 5000 veciños e veciñas e, actualmente, a súa Asociación Veciñal tan só dispón dun local diminuto e en nefastas condicións para realizar a súa actividade. Isto pon de manifesto unha realidade que non se pode negar: Ultramar precisa dun local social en condicións que sexa capaz de albergar o seu traballo e as actividades propias dunha entidade veciñal.

A pasada semana, convidados pola Asociación Veciñal de Ultramar, acudimos a unha xuntanza coa veciñanza do barrio para abordar e coñecer a súa opinión sobre a futura construción dun Centro Cívico, un proxecto que o Alcalde Angel Mato quere realizar sen contar coa aprobación veciñal, tal e coma puidemos constatar.

Aínda que o proxecto é inaccesible para case todo o mundo, algo que non nos sorprende xa que é a forma habitual de traballar deste goberno, sabemos que a súa localización sería entre a rúa Brasil e rúa Bolivia, onde o espazo é realmente escaso para albergar un edificio destas características, quedando encaixonado ao carón das vivendas. Por este motivo, e porque hai alternativas moito máis viables coma é a compra dun dos numerosos locais que están baleiros no barrio, a veciñanza do lugar posiciónase en contra da construción, pero non sen antes convidar a unha xuntanza ao goberno municipal para que explique en profundidade o proxecto, unha cita á que non asistiu ninguén do goberno, reflexando o pouco talante comunicativo e participativo que teñen.

Actualmente, no espazo onde o goberno local quere acometer a obra, existe unha pequena zona verde sen mantemento ningún, un espazo que os veciños e veciñas non queren perder pola falta de zonas verdes no seu barrio e para a que demandan o seu mantemento, conversación e limpeza.

Ferrol en Común ten un compromiso co barrio de Ultramar dende o seu mandato, onde iniciou o expediente dende o Departamento de Patrimonio para a adquisición do local que a Asociación Veciñal precisaba, acorde as súas necesidades, pero quedou paralizado coa chegada do novo goberno, o cal prefire a política do ladrillo en vez da de escoitar ás demandas e propostas da veciñanza.

Dende FeC amosamos o noso apoio á Asociación Veciñal de Ultramar e aos veciños e veciñas que prefiren optar á compra dun don moitos locais baleiros que existen no barrio, axudando tamén así a economía local. Por esta razón, presentaremos unha moción no vindeiro Pleno de setembro solicitando a paralización do proxecto de construción do centro cívico de Ultramar e a recuperación do expediente de compra dun local, coma demanda a veciñanza e coma xa estaba aprobado por unanimidade por unha moción presentada por este grupo municipal o pasado novembro de 2019.