Ferrol, 21 de decembro de 2021

Fai uns días coñecimos que a Unión Europea quere apostar por 5 cidades galegas para desenvolver o seu plan de mobilidade. Na súa proposta, a Comisión Europea, plantexa por un lado acelerar determinadas infraestruturas transfronteirizas e por outro reforzar ás cidades coma puntos de orixe e destino desas infraestruturas de transporte, propoñendo para elo a aplicación do Plan nun total de 424 cidades ou “nodos urbanos” por toda Europa, entre as que estarían Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago e Ferrol.

O transporte, en todos os seus eidos, é unha materia pendente na nosa cidade. Son moitas as carencias e moitas as melloras que precisa para que se converta nun transporte digno e competente, sen ir máis lonxe, a pasada semana participamos nunha mobilización para demandar un servizo de buses de calidade. Camiñar cara a mellora do transporte público e a súa vez acadar unha mobilidade sostible debe ser unha das principais liñas de traballo do goberno de Ángel Mato.

Dende FeC consideramos que as cidades do futuro deben ser para as persoas, con máis espazos verdes e nas que é vital reducir a pegada de carbono, xogando un papel fundamental neste modelo de cidade o transporte público sostible. Durante este mandato presentamos diferentes mocións encamiñadas a traballar nesta dirección, sendo aprobadas pola corporación pero aínda sen cumprimento por parte do goberno local, o cal convocou a penas tres xuntanzas no que vai de mandato da Mesa de Mobilidade e sen acadar ningún resultado, unha cuestión que nos preocupa enormemente dende Ferrol en Común.

Do mesmo xeito, gran parte dos Fondos Next Generation, dos que podemos beneficiarnos coma cidade, van na mesma dirección, coma así acaba de facelo constar o Ministerio de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana publicando a convocatoria do programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano, ao que o goberno municipal non se presentou, deixando patente de novo a súa falta de interese nesta cuestión.

Pero esta despreocupación deberá converterse en traballo xa que a Lei de Cambio Climático obriga a que todos os Concellos de máis de 50.000 habitantes establezan zonas de baixas emisións non máis tarde de 2023, polo que cando o goberno de Angel Mato teña a ben traballar neste sentido teranos ao seu lado.

No día de onte, inaugurouse o AVE a Galicia, unha débeda pendente co noso país pero moi insuficiente coa nosa cidade, que segue estando illada e abandoada no que ao transporte se refire. O goberno de Ángel Mato debería ser moito máis crítico co goberno do estado nesta cuestión, vai pasando o tempo e non está sobre a mesa nin unha soa proposta de mellora do tren Ferrol-Coruña, unha promesa que non se cumpre e que nin se queira o goberno de Mato exixe que se cumpra.

Por todo isto, dende FeC, consideramos que demandar un transporte digno e de calidade e que a súa vez sexa accesible e sostible, é unha das ambicións polas que ten que traballar este goberno, axudando a converter Ferrol nunha cidade para a veciñanza. A deixadez, despreocupación e falta de miras neste tipo de cuestións non é o camiño que debe seguir o goberno local, polo que agardamos cambie de rumbo e comece a traballar e exixir actuacións para levar a cabo un modelo de cidade á altura dos tempos e á altura da súa veciñanza.