Ferrol, 20 de outubro de 2021

O pasado 14 de setembro o Concello de Ferrol anunciaba a volta das actividades extraescolares que se iniciarían en outubro nos centros públicos. A día de hoxe, cando xa vai máis dun mes dende que se iniciou o curso escolar, descoñecemos a data de comezo das mesmas amosando unha falta de previsión absoluta por parte do goberno local.

As actividades ofertadas polo concello non contan co consenso dos pais e nais, pois non existe comunicación algunha con eles e elas dende o goberno municipal, ofertando así un modelo que non encaixa coas necesidades das familias. Ademais, a decisión de manter os grupos burbulla do horario lectivo nas actividades extraescolares non está exixida polo protocolo Covid da Xunta polo que é algo que dende Ferrol en Común non comprendemos, pois parécenos que dificulta a organización dunhas actividades de aprendizaxe e lecer, ao mesmo tempo que prexudica aos centros máis pequenos pois córrese o risco de non alcanzar o número mínimo para o desenvolvemento das actividades.

O programa de actividades extraescolares son un servizo municipal no que o goberno local debería implicarse moitísimo máis, pois complementan a educación dos nenos e nenas da nosa cidade, e debería traballarse nun modelo de actividades moito máis ambicioso, nos que se tivera en conta a conciliación familiar e a participación das familias, pois ao final son os usuarios e usuarias finais deste servizo.

Dende FeC consideramos que o retraso na oferta das actividades extraescolares non está xustificado e ven a amosar unha pasividade e despreocupación na xestión dos asuntos que non ocupan portadas dos xornais. Así mesmo, o modelo que se vai desenvolver non se adecúa as necesidades das familias e reduce as opcións coas que dar resposta as inquedanzas dos nenos e nenas. Por todo isto, agardamos que o goberno local acelere e poña en marcha xa as actividades extraescolares e reflexione sofre o modelo que vai ofertar tentando incluír melloras no mesmo, que podería coñecer se existira unha comunicación fluída entre a veciñanza, cidadás e colectivos e o goberno municipal.

Doutra banda, aínda que na mesma liña, agardamos poder debater no Pleno do vindeiro xoves 28 de outubro a nosa moción sobre a reimplantación do programa “Xadrez na Escola” que quedou pendente do último Pleno. Gustaríanos lembrar que é unha actividade que se ven desenvolvendo en todos los centros de educación infantil públicos e concertados dende fai 18 anos a través da colaboración do Círculo Ferrolán de Xadrez e o Concello de Ferrol e ata a chegada do goberno de Ángel Mato.

Tal e coma acontece con outros conflitos que este goberno mantén abertos por non ser quen de dar continuidade a programas, subvencións ou actividades que viñan funcionando con éxito, o “Xadrez na Escola” é un máis nesa longa listaxe de desaparecidos. Neste caso, deixando a centos de nenos e nenas sen adquirir habilidades sociais, autonomía, memoria, respecto polos rivais ou concentración, todas elas destrezas que se aprenden xogando a través do xadrez.

Polo que, o vindeiro xoves defenderemos a reimplantación de forma inmediata do programa «Xadrez na Escola» que viña desenvolvéndose con éxito e que a súa falta suporía o decaemento dunha entidade senlleira como é o Círculo Ferrolá de Xadrez e, con el, a perda dun sinal de identidade de Ferrol que leva décadas implantado na sociedade local.