Suman 1.655,75 metros cadrados en 16 puntos xa identificados en distintas rúas da zona urbana e serán executados por Mistura
Ferrol, 22 abril.- O Goberno local de Ferrol, a través da Concellería de Obras, Vivenda e Rehabilitación, vai iniciar a semana próxima os traballos para a reparación do firme de 16 puntos da zona urbana que precisan de aglomerado, entre eles, un foco sinalado no túnel da praza de España.
En total, explicou hoxe a concelleira de Medio Ambiente, Vivenda e Obras, Esther Leira, estas 16 pequenas intervencións espalladas por todo o rueiro, suman 1.655,75 metros cadrados que serán executados pola empresa Misturas, cun orzamento que se achega aos 100.000 euros. Principiaran o luns 25, se o tempo o permite, xa que as actuacións requiren dunha climatoloxía solleira.
Vanse executar nas rúas Lepanto, López Dafonte, na rotonda do Diapasón e na de González Llanos, na rúa Instituto, Nicaragua, Villarube, Telleiras, nas avenidas do Mar, Exército español e da Residencia, en Caranza, en Penas de Guitín, Álvaro Cunqueiro, na praza de España, na rúa Rochel e Maiola.
REMATADOS OS TRABALLOS DE PAVIMENTACIÓN DE CATRO CAMIÑOS NA ZONA RURAL
Doutra banda, veñen de rematar os traballo de aglomerado e pavimentación en catro viarios da zona urbana e rural do municipio que se iniciaron no mes de febreiro. Son os camiños de Liñares (Brión), O Cal (A Cabana), os camiños de Vinculeiro e Beleicón (entre Santa Mariña e San Xoán -Bertón) e os da Fonte de Velos e A Pedreira, en Doniños. O importe total destas catro intervencións foi de 94.626,44 euros.
Todas as actuacións se acometen con cargo a fondos propios das arcas locais, froito do esforzo da actual corporación por aforrar en gastos superfluos dos mandatos anteriores e redirixilo a traballos que redunden en beneficio da veciñanza e a partida se incluía no modificativo de crédito que fora aprobado en novembro do 2015.
Polo miúdo, as actuacións xa rematadas son as seguintes:
- Mantemento do tramo do camiño de A Liñares, en Brión. É un camiño de 20 metros e 33o metros cadrados de superficie que foi adxudicado a empresa Lancer Proxectos e Obras SA por 22.585,44 euros.
- Aglomerado do camiño de O Cal, en A Cabana. Esta intervención afectaba a a 620 metros cadrados e ten unha lonxitude de 171 metros. Tamén se fixo cargo Lancer polo importe xa indicado, que comprende os dous proxectos.
- Camiño de O Vinculeiro-Camiño do Beleicón, entre os barrios de Santa Icía e San Xoán-Bertón. Esta intervención foi adxudicada a empresa Jose NO Mantiñán e Hijos Construcións SA, por un importe de 37.435,00 euros. A reparación do viario 313 ao que se accede desde a F-13, comprende unha superficie de 2.100 metros cadrados e mide medio quilómetro (505 metros).
- Aglomerado do Camiño da Fonte dos Velos e mantemento dun tramo do camiño da Pedreira, en Doniños. Son 130 metros de camiño e unha superficie de 570 metros cadrados, no caso do camiño da Fonte, e de 326 metros de lonxitude por 1.020 de superficie en A Pedreira. A intervención foi executada pola empresa F.Gomez e Cia, por un importe de 34.606,00 euros.
A vontade da Concellería de Obras é facer unha planificación anual das intervencións mais urxentes en pistas e camiños da zona rural en base a criterios obxectivos de tránsito e localización, logo de facer unha análise rigorosa das demandas dos veciños e priorizar as intervencións mais urxentes.
O Concello de Ferrol, manifestou Leira, agarda que a Deputación provincial de luz verde a outras catro obras pendentes para a zona rural que figuran no listado do POS (Plan de Obras e Servizos) 2015 e 2016, para proceder a súa licitación e reparación.Son os camiños de Muíño Vello (estrada de Mougá), Arealba-Fontaíña (San Xurxo), o de Vilabiude (Valón) e As Cabzas-Pedra Branca, na parroquia de Covas