Ferrol, 3 de setembro de 2024.- Esta mañá os traballadores e traballadoras da concesión de transporte urbano da nosa cidade secundaron unha nova protesta motivada polo deterioro das súas condicións laborais e do propio servizo de transporte.

A eliminación de horarios, itinerarios e paradas, xunto coas numerosas queixas das persoas usuarias deste transporte público e a folga que están a levar a cabo os traballadores e traballadoras do servizo, pon de manifesto que o modelo de xestión do transporte público urbano de Galicia non é o apropiado e vai cara unha precarización cada vez maior. Cuestións que se suman ao nefasto servizo do transporte escolar, do transporte interubano e do transporte por ferrocarril.

Dende FeC queremos amosar o noso apoio ás reivindicacións dos traballadores e traballadoras que están sufrindo unha actitude inadmisible por parte da UTE Alsa, que non está a aplicar o convenio correcto a parte da plantilla. Así mesmo, agardamos que na xuntanza que terá lugar mañá poidan achegarse posturas e sobre todo acadar solucións a unha situación completamente inxusta para a clase traballadora.

Do mesmo xeito, queremos denunciar a inacción do goberno de Rey Varela neste asunto, desentendéndose por completo dun conflito laboral que afecta á nosa cidade, á nosa veciñanza e a un servizo público, coma é o transporte urbano. O señor Rey Varela sempre fala da cidade e dos ferroláns e ferrolás pero cando a clase traballadora atópase en situacións precarias e denuncia o incumprimento dos seus dereitos laborais, nin está, nin se lle espera.