Ferrol en Común ven de presentar unha moción que se debaterá no Pleno de mañá coa que busca a unidade de toda a corporación para defender a rede de ferrocarril que conecta Ferrol con A Coruña, instando a presentar unha emenda aos orzamentos xerais do estado de xeito conxunto.

Ferrol, 20 de setembro de 2022

Dende o inicio de Ferrol en Común, a reivindicación dun tren digno entre Ferrol e Coruña estivo sempre presente no noso ideario. Multitude de peticións, actos, manifestacións e mesmo viaxes reivindicativas coparon e seguen a ocupar as nosas axendas durante moito tempo e a día hoxe, continuamos demandando unha mellora máis que necesaria dunha infraestrutura que literalmente é do século pasado.

A modernización da obsoleta rede ferroviaria entre a nosa cidade e a veciña é un tema urxente e demandado por activa e por pasiva. O mantemento das infraestruturas é nulo, a maquinaria é de terceira ou carta man, as frecuencias vense reducidas cando non eliminadas e así un gran número de incontables afeamentos que sufre a nosa cidade en relación co transporte ferroviario. Polo que podemos afirmar categoricamente que padecemos un servizo deplorable, escaso, anticuado e inadecuado, onde por poñer un exemplo, tárdase máis de 5 horas en chegar a Madrid dende Ferrol con dous frecuencias actualmente. Pero o máis preocupante para nós é a case hora e media que tárdase en percorrer os 55km que sepárannos de A Coruña a través dunha liña viaria do ano 1913 na que non se acomete ningunha obra de relevancia dende aquela.

Os motivos sobran pero as solucións non chegan. O desleixo que amosan as administracións públicas cara a nosa comarca é inaceptable, polo que é fundamental seguir facendo fincapé en sacar adiante as promesas que un día se fixeron.

Dende FeC consideramos que esta reivindicación é compartida por todas as forzas políticas da nosa cidade e por iso pensamos que é o momento de levar esta cuestión a un fronte común. Agradecemos a unión de forzas tanto a Podemos coma aos grupos que se atopan na corporación, recoñecendo a súa capacidade de deixar a un lado as cores e remar conxuntamente pensando tan só na mellora da nosa cidade.

En definitiva, a moción que levamos a Pleno ten coma obxectivo instar aos grupos da corporación á presentación dunha emenda conxunta aos orzamentos xerais do estado para demandar a inclusión dunha partida orzamentaria e a súa posterior execución, coa que diminuír o tempo da liña ferroviaria entre Ferrol – A Coruña, agardando que atope o consenso de toda a corporación e dando a benvida a calquera forza que queira sumarse a este fronte común.