Ferrol, 14 de maio de 2023

A Cabana é un barrio que se encontra nunha contorna idílica. O seu centro neurálxico está formado por unha pista deportiva, un parque infantil con zona verde e mesas de picnic e numerosos locais de hostalería que o converten nun barrio con moitas posibilidades. Ademais, está conectado ao centro de Ferrol a través do paseo da Malata e proximamente tamén polas beirarrúas que o conectarán aos barrios colindantes.

Está mañá, durante a nosa visita a este barrio puidemos constatar a falta de mantemento, unha cuestión que melloraremos cando esteamos no goberno e ademais, acometeremos as reparacións oportunas na pista deportiva, para que se poida usar dun xeito óptimo e seguro.

Así mesmo, a praia da Cabana é cada vez máis frecuentada pola veciñanza de toda a cidade, grazas á mellora da calidade das augas conseguida coa depuración. Por iso, comprometémonos a intensificar a limpeza desta praia para convertela nun areal urbano en plenas condicións.

Pero sen dúbida, a proposta que se leva a nosa atención na Cabana e a nosa aposta por desenvolver un proxecto integral na zona marítimo deportiva, onde se atopan os clubs de remo San Felipe e A Cabana, o grupo de vela Bazán e o Dique das Mareas, que foi rehabilitado por Ferrol en Común devolvéndolle o valor histórico e dándolle a esta zona un aspecto moito máis agradable e aproveitable. 

Dende Ferrol en Común, fuximos de grandes e populosos proxectos que sabemos que non se farán realidade, por iso, a nosa proposta para esta zona marítima é realista e pasa pola construción dun pantalán que posibilite a entrada e saída da auga dun xeito doado, non só para os clubs de remo que se encontran na zona, senón para calquera persoa ou deportista que teña interese en practicar un deporte náutico. Así mesmo, é necesario acometer diferentes melloras nas naves do club de remo de San Felipe e de A Cabana, un compromiso ao que lle daremos resposta cando esteamos no goberno a partir do 28 de maio.

Acompañar a reforma do Dique das Mareas coa construción dun pantalán e en consecuencia a mellora do entorno, transformará indubidablemente esta zona marítima e poñerá á  Cabana no centro dos deportes náuticos, dotando a este barrio dun atractivo especial para o ocio e o lecer, entre outros reclamos.