Ferrol, 24 de xaneiro de 2023

Ferrol en Común ven de rexistrar unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno deste xoves relativa ao estado no que atopa o CEIP San Xoán de Filgueira, nela queremos facer constar a situación na que se encontra este colexio público, onde a mella inexorable do paso do tempo e a falta de vontade política preséntanos un panorama de deterioro e abandono total.

Tal e coma trasladounos a ANPA do CEIP San Xoán de Filgueira son precisas numerosas intervencións en maior ou menor envergadura, pero todas elas necesarias para poder desenvolver a súa actividade educativa dun xeito normal e sen riscos e molestias para o alumnado, profesorado e familias.

Para facernos unha idea do estado do centro, na propia moción detallamos algunhas das incidencias que está a soportar a comunidade educativa do colexio San Xoán mentres as administracións competentes, Xunta de Galicia e Concello de Ferrol, non dan resposta ningunha incluso sendo coñecedores do seu estado.

Sen ir máis lonxe, os accesos ao centro e ao pavillón están nun estado lamentable, pois cando chove, anégase toda a zona e convértese nunha charqueira con terra e barro poñendo en graves apuros ao alumnado e aos seus pais e nais. En canto ao muro perimetral do recinto presenta dende fai anos un deterioro continuo e unha falta de mantemento total que provoca fendas de gran tamaño que deixan ao descuberto a estrutura de ferro interior, ademais dos continuos desprendementos de cemento e a posibilidade de derrubamento co risco que isto supón. Así mesmo, o cerrado que linda coas fincas privadas mediante postes metálicos e malla forrada practicamente xa non existe e en moitos casos os animais que se atopan nestas fincas entran no recinto escolar ou os propios nenos e nenas saen ás fincas anexas. Ademais, a vexetación dalgunhas fincas precisan dun maior control para evitar situación coma as que se están a dar, nas que se invade o recinto educativo.

Xa no interior do centro, o pavimento do edificio de educación infantil estase a desfacer por debaixo das planchas de PVC termoselado e aínda que se levaron a cabo algunhas pequenas intervencións, funcionan coma parches e a situación segue a ser a mesma pois segue a desprenderse o pavimento noutras zonas, co risco de tropezo e caídas, unha cuestión grave e máis tendo en conta que sucede na zona dos nenos e nenas máis pequenos.

En canto ao estado do pavillón, podemos dicir que se atopa na liña de todas as instalacións deportivas da nosa cidade. O cambio de cuberta é unha necesidade absoluta, pois atópase gravemente deteriorada, acusando oxidación, filtracións de auga e goteiras o que provoca inundacións e condensacións que impiden a práctica deportiva e dana o material deportivo. É importante destacar, que ademais do alumnado do centro neste pavillón adestran outros clubs deportivos de fútbol sala e baloncesto e que moitas veces non poden realizar a súa actividade polo estado no que se atopa o pavillón.

Todas estas cuestións non só causan verdadeiros problemas na comunidade educativa se non que fan moi difícil defender unha educación pública de calidade se as propias administracións públicas non cumplen coa súa parte e non realizan o mantemento, os arranxos e as obras necesarias para ter uns centros educativos en condicións e sen riscos para os menores, que pai e nai querría levar ao seu fillo ou filla a un centro nestas condicións?

Vendo o estado no que se atopa o centro San Xoán de Filgueira, dende FeC parécenos máis que xusto e necesario presentar esta moción solicitando unha intervención urxente tanto por parte do Concello de Ferrol coma da Xunta de Galicia, cada un dentro das súas competencias.

Así mesmo, temos que poñer o foco novamente no desinterese do goberno local pola situación do CEIP San Xoán de Filgueira, primeiro porque é coñecedor so seu estado e non está a amosar ningunha preocupación nin interese por buscarlle solución e segundo, porque existe un órgano creado para organizar e canalizar as demandas dos centros educativos: o Consello Escolar Municipal, o cal nestes 4 anos de mandato do goberno socialista foi convocado unha única vez, algo que é unha auténtica vergoña e que denota unha falta total de xestión e de interese polos problemas da comunidade educativa.