Ferrol, 25 de xaneiro de 2023

Esta mañá o voceiro de Ferrol en Común, Jorge Suárez, ofreceu unha rolda de prensa para dar conta das mocións que o seu grupo defenderá no Pleno Ordinario de mañá. Unha das que consideramos fundamentais para a cidade é a relativa a impulsar unha fronte común de cara a que a multinacional Maersk escolla Ferrol coma sede de asentamento da planta de metanol verde recentemente anunciada para Galicia.

Jorge Suárez amosaba a súa preocupación xa que “xa pasaron varios meses dende que Maersk fixo este anuncio e aínda que houbo palabras de boa vontade por parte do Presidente da Xunta ou da Deputación da Coruña nas que non se desbotaba Ferrol coma sede, non houbo ningún movemento máis”.

Ferrol en Común xa instou ao alcalde, Angel Mato, nunha xunta de voceiros o pasado mes de novembro, tan pronto tivo coñecemento da noticia, para impulsar unha fronte común composta polo Concello, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria e os axentes sociais e empresariais da cidade, “para conseguir que unha zona industrial tan devaluada coma a nosa, despois dos fracasos dos plans públicos de estimulo económico coma ZUR, ZID ou Reindus, despegara a través dunha industria verde que xeraría miles de empregos na nosa comarca”, explicaba Suárez.

Dende FeC consideramos que a instalación desta planta de metanol é unha gran oportunidade para crecer industrialmente coma cidade, fora do monocultivo do sector naval público que nos caracteriza e “conseguir dunha vez esas promesas públicas de apoio a unha cidade con taxas de emprego preocupantes”, indicaba o edil.

“Sabemos que estamos nas portas da campaña electoral pero cremos que hai intereses políticos e de cidade que teñen que estar por riba dos partidistas e un deles é este. Tratar de ter por todos os medios unha única voz que englobe a toda a forza social e das administracións para reivindicar para a nosa cidade algo que cremos é unha débeda logo de reconversións de sectores industriais completos e de non ter infraestruturas en condicións coma o ferrocarril”, sinalaba Jorge Suárez.

Estamos seguros de que esta moción vai ser aprobada por unanimidade pero o importante é “que teña unha continuidade práctica e que se senten as bases dun sentido común unitario para conseguir ofrecer unha alternativa viable, concreta e sólida no porto exterior para que esta empresa poida desenvolver o seu traballo”, apelaba o concelleiro. Así mesmo, remataba explicando que “ogallá máis aló do apoio explícito no Pleno podamos contribuír a que as forzas de diferentes signos políticos se unifiquen para atraer este polo da industria nun breve prazo”.

Moción en defensa da Biblioteca Municipal

FeC tamén leva a Pleno a situación crítica da Biblioteca Municipal, logo de anos de constante deterioro e perda de calidade do servizo debido á xestión do goberno municipal, que foi provocando pouco a pouco o peche das salas de informática, a cancelación de determinados servizos coma os préstamos interbibliotecarios ou o abandono das actividades e talleres educativos, vémonos nesta grave situación porque o goberno de Ángel Mato foi incapaz de facer o que estaba nas súas mans e fixeron os gobernos anteriores, buscar fórmulas para suplir a merma de persoal do servizo co fin de continuar tendo unha Biblioteca Municipal referente a nivel comarcal, e que continúa sendo o servizo público máis demandado.

Na moción que presentamos enumeramos o que para nós é básico de cara a recuperar o funcionamento normal da Biblioteca Municipal: dotala de persoal suficiente e especializado, recuperar o sistema de becas coa Universidade da Coruña, actualizar a bolsa de traballo específica de axudantes e arquivo de biblioteca, reactivar as actividades e talleres educativos que se estaban a desenvolver na biblioteca, con especial atención aos relativos á infancia e abrir unha vía de diálogo entre o goberno local e as traballadoras da biblioteca municipal co fin de buscar as solucións óptimas.

Moción para realizar as reparacións necesarias no CEIP San Xoán de Filgueira

Por último, tamén levamos unha moción relativa ao estado do CEIP San Xoán de Filgueira, da que xa dimos traslado onte de xeito máis amplo, pero gustaríanos recalcar que este deterioro e falta de intervencións “parecen ser unha constante en todos os centros escolares, anunciando dende xa que imos respaldar a moción relativa ao IES Ferrol Vello”, afirmaba Jorge Suárez.

Así mesmo, gustaríanos insistir na “deixadez por parte do goberno local en canto ao mantemento dos centros de educación pública e das súas instalacións, dos comedores, da súa dotación, das actividades extraescolares… o que pon de manifesto que a educación ocupa un segundo plano na política local”, lamentaba o concelleiro.