
1. Jorge Juan Suárez Fernández | 2. Xiana López Penedo | 3. Jesús Basterrechea López | 4. Saínza Ruíz Ferreño | 5. Rafael Ramón Rodríguez Martínez | 6. María del Mar Sobrín Sueiras | 7. Miguel Ángel Rodríguez Paz | 8. María Esther Estévez Fernández | 9. Victor Ledo Suárez | 10. Irene Fernández Lorenzo | 11. Manuel Castro Bouzas | 12. Rosario Alabau Albors | 13. Santiago Eloy Díaz Gómez | 14. Candela Díaz Rivas | 15. Francisco Javier Permuy López | 16. Begoña García Hidalgo | 17. Juan José Oruezabala Romero | 18. Paula María Faraldo Casal | 19. Luís Victor Ruíz Rodríguez | 20. María Jesús Durán Rodríguez | 21. Francisco Javier Galán Pérez | 22. Josefa Varela Fontán | 23. Roberto Fernando Artabe Noya | 24. María Eugenia Freire Frajardo | 25. Fernando Miramontes Vázquez
Suplentes 1. Tomás Miranda García | 2. Ana Belén González Basanta | 3. Ricardo Ledo Suárez
PROGRAMA ELECTORAL
UN FERROL PARA VIVIR, 5
Urbanismo, 5
Vivenda E Rehabilitación, 6
Mobilidade E Transporte Público, 6
Desenvolvemento Rural, 8
Obras e Servizos, 10
UN FERROL PARA OS COIDADOS, 11
Benestar, 11
Feminismo, 14
Medio Ambiente, 15
Benestar Animal, 16
Consumo, 17
UN FERROL PARA SER, 18
Deportes, 18
Cultura e Lingua Galega, 19
Educación e Universidade, 21
FERROL MOLA, 23
Patrimonio Histórico, 23
Turismo, 24
UN FERROL PARA O MAÑÁ, 25
Emprego, 25
Mocidade, 26
UN FERROL PARA TODAS, 27
Participación e Transparencia, 27
O pobo é quen máis ordena
Ferrol, cidade de contrastes. Onde as clases non só se dividen entre xente sen as súas necesidades básicas cubertas, clases medias e meros especuladores de bens inmobiliarios, temos tamén cidadanía da zona rural e da urbana, con diferente prestación de servizos, xente concienciada e que ama Ferrol e xente que despreza cada recuncho da cidade polo que pasa.
Ferrol precisa medidas políticas concretas, artelladas entre todas, en emprego, en benestar social, en urbanismo, en cultura e deporte. Ferrol debe facer do pazo municipal o motor do cambio; a inxección necesaria de autoestima que nos faga rexurdir coma exemplo de perseverancia e loita.
O ciclo 2015 – 2019 foi para Ferrol en Común unha loita constante, unha singradura pola brava mar da marusía da política da baixa estofa, a que bombardea e desprestixia a honestidade das que entregan a súa vida durante catro anos por un proxecto colectivo que sitúe ás persoas no centro. Crecemento demográfico, creación de emprego, que ninguén quede atrás, unha cidade para as persoas, estes deben ser os nosos obxectivos fundamentais; rigor, honestidade e realismo o noso método de traballo; alegría, constancia e esquerdas as nosas armas. Queremos un Ferrol Rebelde no horizonte 2019 – 2023, queremos un lugar de todas.
Nós pulamos, coma sempre fixemos, polo diálogo, pola construción de abaixo a arriba, por antepor Ferrol aos intereses privados e ás forzas centrífugas que deciden sobre a nosa cidade noutros ámbitos políticos, sociais ou xeográficos non democráticos. E é por iso que avanzamos, desenvolvemos e presentamos un proxecto de cidade, onde ti decides, onde oito anos de FeC estamos convencidas que o mudarán todo cun programa participado por entidades, agrupacións e persoas a título individual, continuación coherente e necesaria do traballo desenvolto no anterior mandato.
Un Ferrol para vivir
Urbanismo
O ciclo 2015 – 2019 foi unha pluralidade de proxectos e iniciativas que puxeron orde ao caos e caciquismo imperante, cun traballo impoluto, incansable e incorruptible pola persoa ao cargo. Pese a que o pleno lle arrebatou as súas retribucións, continuou levando a cabo unha tarefa impecable, loitando por Ferrol, levando a cabo proxectos urbanísticos necesarios e requiridos, uns xa executados e outros que se están a desenvolver. No plano urbanístico Ferrol en Común propón:
§ Un urbanismo transparente e democrático. A cidade para as persoas.
§ Culminar e licitar os proxectos desenvoltos: praza de Armas, pasarela de Santa Mariña, rehabilitación integral de Recimil, mercado de Caranza, estrada de Pazos, rúas Espartero e Carmen Curuxeiras, reurbanización do espazo do mercado da Magdalena.
§ Consolidar e elevar a aprobación plenaria dun novo plan PXOM (plan xeral de ordenación municipal), documento fundamental para construír a cidade que queremos ser, unha cidade compacta no urbano e sostible e conservadora no rural, logo de atender todas as achegas dos colectivos que participaron na súa revisión.
§ Proseguir na leal e boa cooperación con outras administracións para o desenvolvemento das liñas actuais, liñas que son cruciais e estratéxicas: recuperar o Convenio de defensa do 2007; instar ao ministerio Defensa a abrir Ferrol ao mar, constituíndo unha mesa sectorial “Ola Ferrol” para acadar tal fin; instar ao Estado ao inmediato desenvolvemento sostible do estaleiro 4.0; dar cumprimento inmediato ao acordo do Congreso da cesión do edificio de Aduanas para a construción dun albergue de peregrinos, e así potenciar Camiño Inglés; cooperar coa Xunta na xestión de Fondos Europeos para o Plan Director, que posibilite a remodelación completa do CHUF; continuar na senda do traballo conxunto para o crecemento completo do Campus de Ferrol, no centro e aberto á cidade; esixencia de dotación de obras orzamentadas paralizadas por intereses espúreos (como por exemplo o ribazo das Pías ou a urbanización do Sánchez Aguilera).
§ Impulsar proxectos estratéxicos en todos os barrios cos máis de 17 millóns de euros conseguidos no anterior mandato de subvencións e fondos europeos que faciliten a eliminación de tapóns urbanísticos que fagan a cidade compacta, como a conexión de San Xoán ou Santa Mariña, e a humanización dun Ferrol compacto, lugar de todas.
§ Proposta de urbanismo específica para a zona rural, centrada en beirarrúas e equipamentos, a desenvolver no primeiro ano de mandato de xeito participado e con dotación orzamentaria concreta.
Vivenda e Rehabilitación
Ferrol posúe un parque de vivendas municipal privilexiado, Recimil, coidémolo e poñámolo a disposición das persoas en lugar de propostas desorbitadas de derrubo coma houbo no pasado por parte da dereita.
É evidente, que logo de sucesivas crises do naval, a vivenda é un ben excedente pero tamén, pola conxuntura socioeconómica, de difícil alcance en Ferrol. O deterioro crecente só pode frearse coa posta a disposición de políticas de rehabilitación firmes, abundantes que ademais de xerar emprego garantan un dereito básico. Tamén deben centrarse os esforzos en evitar os farragosos trámites administrativos que ralentizan a rehabilitación de vivenda. O concello debe ser o pegamento entre iniciativa pública e privada para garantir o acceso á vivenda, compaxinar a rehabilitación coa nova promoción, articular iniciativas novidosas coma os pisos interxeracionais que fagan de Ferrol unha cidade viva pero que conserve a memoria. Ferrol en común declara o dereito á vivenda coma un dereito fundamental.
§ Rehabilitación modular do interior de vivendas do barrio de Recimil para cumprir funcións de tipo social, vivenda universitaria e pisos tutelados.
§ Aplicación das axudas de Área de rehabilitación e rexeneración urbana para Esteiro, A Graña, Ferrol Vello e A Magdalena. Solicitude de declaración de ARRU para Canido.
§ Solución con liñas de axuda con recursos propios e convenio co Instituto galego de vivenda e solo (IGVS) á conservación da parte degradada do barrio de San Pablo Catabois.
§ Potenciar con máis recursos a actual oficina de rehabilitación e vivenda como núcleo en torno ao que se desenvolvan non só as axudas públicas, senón tamén como punto de información de vivenda e desenvolvedora de proxectos para a rehabilitación de espazos degradados.
§ Impulsar o programa Rexurbe en cooperación coa administración autonómica co fin da definitiva recuperación de Ferrol Vello, facilitando a adquisición de vivenda en Ferrol Vello para rehabilitación directa e posta a disposición como aluguer social a menores de 35 anos. Rehabilitación da casa de Carvalho Calero.
§ Dotar de máis medios persoais ao departamento de disciplina urbanística e licenzas, co fin de axilizar as licenzas, permisos, subvencións e axudas.
§ Facilitar, asesorar e priorizar as obras que faciliten a accesibilidade e rehabilitación enerxética das vivendas construídas.
Mobilidade e Transporte Público
A disposición de rúas e barrios non ten máis función que servir ás persoas. A irrupción do vehículo no século XX foi un avance social, pero serviu de irrupción violenta contra os dereitos da infancia, da mobilidade sostible, de xogar na rúa, mercar nos comercios de proximidade e socializar e interactuar colectivamente en lugar dun illamento social e tecnolóxico ao que nos aboca a sociedade do futuro.
Ferrol precisa sorrir, e o único modo de espertar o sorriso é nunha vida plena, nun entorno amable, nunha oportunidade de ser feliz, e iso só é posible coa comunicación, social e física.
É por iso que Ferrol en Común aposta por unha mobilidade sostible, por unha peonalización que comezou o seu camiño no mandato do 2015 nas rúas Real, María e Pardo Baixo, e precisa estenderse a toda a Magdalena, Ferrol Vello e Canido. Facer de Ferrol un modo de vida.
Pero tamén comunicarnos co comercio exterior. Unha cidade illada está condenada a un ser unha balsa de pedra no medio do océano. Precisamos infraestruturas que nos conecten co país, que poidamos exportar ferrolanismo portas cara fóra, encher o país da nosa riqueza cultural e socioeconómica.
§ Dar cumprimento ao Pacto da mobilidade, aprobado en pleno no anterior mandato.
§ Actualización, revisión e aprobación do documento do Plan de Mobilidade e Espazo Público de Ferrol (PMUS) para acadar un consenso sobre os principais obxectivos e metas nas relacións entre os diferentes modos de transporte e as persoas na nosa cidade.
§ Incrementaremos o orzamento para o transporte interurbano, en diálogo co resto de concellos e Xunta de Galicia. Non se pode entender un transporte dende dentro das fronteiras municipais, polo que estudaremos de xeito mancomunado e participado o mellor servizo, con liñas e horarios eficientes para evitar o uso do vehículo privado. Na atención urbana comunicar barrios como San Xoán ou Ferrol Vello cos centros sanitarios e fomentar microbuses de acceso ás zonas peonís. Este incremento orzamentario permitirá bonificar colectivos con dificultades para o uso do transporte público (a día de hoxe os menores de 18 anos non pagan) e estendelo a maiores, desempregados, vítimas de violencia de xénero. Facilitar a chegada do transporte público aos grandes centros de concentración de traballadores (Navantia, CHUF, polígonos industriais).
§ Facer cumprir a ordenanza de terrazas aprobada no mandato FeC, que permita compatibilizar a ocupación de espazo co dereito ao tránsito.
§ Peonalización total do barrio da Magdalena, con alternativas de circulación, e atención ás demandas da peonalización nos barrios de Canido e Ferrol Vello.
§ Aprobación dunha ORE (ordenanza de regulación de estacionamento) realista, que beneficie a toda a sociedade e non a intereses particulares, coa posible implantación, escoitando ás zonas afectadas e expansiva a toda a cidade, como en todas as grandes cidades galegas, dun sistema de aparcamento de pago.
§ Continuación na creación de aparcadoiros disuasorios, como o da rúa Alegre ou o do CHUF (complexo hospitalario universitario de Ferrol), proxectados no anterior mandato, co fin de xerar alternativas a aparcar diante do noso lugar de destino.
§ Impulsar a estación intermodal, de trens e autobuses no espazo actual da estación de renfe, aproveitando os espazos abandonados para a creación de espazos verdes e edificios de fin social. Unha estación intermodal que non sexa unha mera
infraestrutura, senón que acompase horarios de trens e autobuses públicos co fin de conciliar horarios laborais e escolares das persoas da comarca que veñen a Ferrol (bus a Navantia, Río do Pozo, etc.).
§ Avanzar na mellora do servizo conveniado con Narón de utilización de bicicletas públicas e dotar de novas infraestruturas, logo de lograr a mellora do tramo de Caranza, implementar a conexión por carrilbici de Caranza – A Malata que permita circunvalar a cidade, cunha posterior actuación A Malata – Esteiro a través dos fondos Edusi.
§ Demandar o inicio das obras inmediato por parte do Estado da mellora da conexión ferroviaria Ferrol – A Coruña e mellora da vergoñenta situación do FEVE.
§ Formación: campañas de sensibilización dos beneficios de camiñar, de respectar o medio ambiente, de socializar e facer vida na rúa, en definitiva de abandonar os vehículos para facer vida en común, campañas como A rúa é túa ou A vila do mañá, e, sobre todo, a implantación de rutas para a infancia cara ao colexio, os Camiños escolares seguros.
§ Accesibilidade: Ferrol en Común non deixa a ninguén atrás, logo de cinco fases e un millón de euros investidos en facer accesibles máis de mil pasos peonís, en colaboración con entidades de diversidade funcional, cómpre seguir avanzado neste exercicio pioneiro e exemplar para outras cidades. Complementalo coa aprobación definitiva da ordenanza de accesibilidade xa redactada e medidas que permitan calquera acceso a un centro público sen trabas físicas, así como bonificar as taxas que melloren o acceso a inmobles privados son obxectivo de todas.
§ Instar á eliminación da peaxe da AP9 Ferrol-Coruña.
§ Instar ao desbloqueo inmediato da Vía de alta capacidade que vertebre o territorio polo norte.
§ Mellora da accesiblidade a través da creación dun Consello Local de Accesibilidade, facilitar o uso de eurotaxis a persoas con discapacidade e vixilancia e control das prazas reservadas a eses colectivos e o uso fraudulento das tarxetas de aparcamento.
Desenvolvemento Rural
A zona rural de Ferrol supón o dez por cento do censo electoral, apenas sete mil persoas, cunha extensión territorial que multiplica por moito a da zona urbana. Esa peculiaridade situou nunha zona de confort aos diferentes gobernos municipais, con excepción dos albores da democracia, cuxos gobernos levaron o saneamento e outros servizos con grande mérito á zona rural.
Este desleixo converteu á zona rural nun espazo para habitar por cidadanía de segunda, coa mesma tributación pero servizos moi deficitarios, orixinando unha despoboación que non se corresponde cos nosos recursos naturais, que deberan ofrecer un atractivo para asentar poboación neste entorno privilexiado.
Pero a zona rural non é unicamente transporte, beirarrúas ou saneamento. Tamén é preservar a memoria, protexer o patrimonio material e inmaterial, que se tratará noutro punto do noso programa, pero non podemos obviar que Ferrol en Común acadou algo histórico, que debe ser pedra de toque para o tratamento do rural: logo de décadas de loita, dun libro negro, de promesas baleiras, este goberno conseguiu unha ordenanza que permitirá aos veciños e veciñas a xestión integral dos Montes do Cha como monte comunal, e poñer en valor zonas como o castro de Esmelle, grazas á leal e persistente colaboración da concellaría correspondente, e ese debe ser o camiño, diálogo e propostas concretas para non categorizar en cidadáns de primeira e de segunda en función do lugar no que vivan de Ferrol.
§ Reiniciar o programa +Rural, xuntanza mensual do goberno coas AVV da zona rural, dándolle unha nova perspectiva, máis plural e participada, coa integración doutras entidades sociais, de mulleres e asembleas abertas e participadas, sen constrinximento a materias de servizos e obras puntuais, se non abrindo tamén a temas estratéxicos da zona rural.
§ Dotación anual dunha partida de medio millón de euros para o saneamento da zona rural.
§ Creación dunha unidade policial especializada na zona rural, con atención especial á vixilancia do mantemento e cumprimento dos requirimentos do concello en materia de conservación de fincas privadas, e dun estrito control da impunidade na actividade salvaxe de certos madeiristas cos viais e medio ambiente.
§ Compromiso plenario de aplicar todo o Plan de obras e servizos da Deputación, próximo ao millón de euros anual, á mellora de infraestruturas da zona rural, tales como aglomerados en viais abandonados, adquisición e mellora de equipamentos, tales como marquesiñas ou bens patrimoniais, como a escola Tomás Serantes ou a pista polideportiva de Mandiá.
§ Plan de seguridade para a zona rural. Cun censo de viais perigosos, instalación de bandas rugosas e radares, plan de urbanización de viais con beirarrúas, tal e como se fixo en Pazos ou no tramo de Serantes – A Cabana, debatido e construído a través do +Rural.
§ Extensión de actividades á zona rural de índole social, cultural, de recuperación da memoria, tecnoloxía e protección do medio ambiente, como se tratará noutros puntos do programa.
§ Control de vertedoiros incontrolados cunha maior supervisión policial, incremento de sancións acompañado dunha campaña informativa sobre o punto limpo da cidade.
§ Desbroce regular coa combinación do actual contrato de desbroces e a dotación de programas de emprego transitorios para novas oportunidades á mocidade que dean formación e salario mínimo interprofesional, ademais dese servizo imprescindible de mantemento ao longo do ano.
§ Facilitar con bonificacións o baleirado de fosas sépticas a aquelas zonas sen saneamento, ofrecendo a baixo custo os servizos da empresa municipal de augas.
§ Favorecer a renovación da vivenda rural e a súa mobilización, creando bolsas de aluguer a través de servizos públicos municipais integrados na páxina web do concello de Ferrol.
Obras e Servizos
A macroárea de obras e servizos supón unha atención directa e constante á veciñanza, que, no seu lexítimo dereito, quere diante do seu domicilio unha beirarrúa, saneamento, punto de luz e estrada en perfecto estado, ademais dos oportunos colectores de lixo, a limpeza prístina do entorno e o abastecemento de auga ininterrompido. É obriga do concello satisfacer esa demanda de todos e cada un dos habitantes, e así tratou de facelo esta concellaría, cun programa participado de abaixo a arriba, chamado Barrio a barrio + cidade, onde se recollían as propostas da veciñanza canalizadas a través das AVV e se lles daba traslado ao concello cunha posterior reunión de balance de actuacións.
Ante a carencia de persoal e a amplitude da área convén tomar medidas radicais, que solucionen a raíz do problema gañando en eficacia e eficiencia, cunha mellor xestión dos recursos e dos modelos de prestación dos servizos.
Unha das pedras de toque dun goberno de esquerdas é a municipalización de servizos, Ferrol en Común avanzou neste aspecto no servizo de socorrismo (máis de 50 empregados) e na xestión de determinados centros culturais (Torrente Ballester, Centro cívico de Caranza), pero non renunciamos a que grandes servizos poidan selo tamén, sendo conscientes de que se precisa un ciclo amplo de goberno para chegar a un bo fin.
§ Unificación das áreas de urbanismo e obras e servizos, co fin de compartir recursos técnicos e metodolóxicos no tratamento dos problemas físicos da cidade que respira.
§ Municipalización do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria. Non é un obxectivo utópico, se non que vén avalado pola intervención municipal, por informes do tribunal de contas e contrastado como modelo máis eficiente para a prestación de servizos.
§ Control estrito e rigoroso das empresas que prestan servizo ao concello ou dos medios propios coma emafesa: iluminación pública, desbroces, abastecemento e saneamento, con auditorías anuais independentes, controis externos e vixilancia tanto no cumprimento da prestación do servizo contratado como no respecto ao cumprimento dos dereitos laborais.
§ Dotación de novos parques infantís, e conservación dos actuais, coa cobertura permanente do parque infantil do Inferniño, para crear unha zona de lecer permanente, potenciando os xogos tradicionais que evite a encapsulación da infancia nas novas tecnoloxías o a cultura do centro comercial.
§ Progresiva instalación de luminarias con tecnoloxía O-Led para todos os barrios que mellore a eficiencia e o respecto polo consumo na iluminación pública.
§ Incrementar os medios humanos e materias para a cuadrilla de obras municipal, altamente cualificada para actuar dende a función pública en obras menores de reparación e reposición, diversificando o seu traballo en dúas brigadas, unha no urbano e outra no rural, que atenda á limpeza de praias e mantemento de viais.
§ Mellora da calidade das augas, cun investimento decisivo na ETAP (estación transformadora de auga potable) e no encoro das Forcadas, procurando a colaboración de Augas de Galicia, ante unha instalación obsoleta e que a medio prazo pode supor un problema de contaminación grave.
§ Implantación da tecnoloxía necesaria para mediante unha simple imaxe dun móbil a través dunha aplicación móbil o concello poda dar resposta a un problema puntual de servizos, con contacto áxil e permanente coa cidadanía.
§ Proxectar e planificar un plan decenal de mellora de infraestruturas municipais, tanto viais como bens inmobles (pavillóns, bibliotecas, centros culturais) cuantificado e viable para o seu desenvolvemento.
§ Mellorar os actuais servizos que se prestan sen contrato neste momento, co fin de completar as actuacións que están fóra do seu ámbito e incluír cláusulas sociais que protexan os dereitos da clase traballadora: parques e xardíns, punto limpo, servizo de control de pragas.
Un Ferrol para os coidados
Benestar
Ferrol en Común naceu cunha premisa fundamental: os coidados mutuos, o reparto da riqueza, a xustiza social. Nesta tesitura non podemos considerar ningunha área tan importante como a de benestar social. Para que ninguén quede atrás é necesario recuperar o contrato social do que falaba Rousseau, de forma que a conxura dos gobernantes en alianza con entidades, traballadores sociais e o exército de voluntarias que quere un Ferrol mellor faga un esforzo denodado por facer cada vez máis innecesaria esta área, e poidamos centrar os nosos esforzos na creación de emprego, mellora de servizos e ofertas de lecer.
En tanto isto non suceda somos conscientes de que un de cada cinco ferroláns está en risco de pobreza. Inasumible nunha sociedade que se di democrática e moderna. A extensa e prolífica actividade política desenvolta por esta concellaría, conseguiu paliar o impacto dunha cidade envellecida e sen expectativas tras os intentos, frustrados grazas ás mobilizacións obreiras, de desmantelamento do sector naval. É polo tanto a nosa aposta global, multidisciplinar e transversal.
§ Axilizar os mecanismos de urxencias sociais, para evitar situacións dramáticas, seguindo con programas Solidarízate, Habita, Arrouparte ou o convenio para evitar a pobreza enerxética.
§ Implementar propostas que complementen toda esta liña de actuacións como os pisos tutelados, protocolos pautados que salten a burocracia administrativa en caso de emerxencia, e política de pobreza cero na cidade de Ferrol.
§ Aumentar os recursos para infancia e xuventude, continuando co incremento e progresividade na dotación orzamentaria para bolsas sociais de libros, material escolar, comedores e todos aqueles recursos que permitan a igualdade e o desenvolvemento pleno como persoas aos menores.
§ Expandir o modelo proinfancia e sociocomunitario de Recimil a todos os barrios da cidade, con recursos propios ou conveniados, cun mapeo das necesidades que permita a detección e non estigmatización do maior número de familias sen as súas necesidades básicas cubertas, con accións plurais a través de educadores sociais, animadores socioculturais e mediadores, ademais da oportuna dotación de recursos.
§ Loita contra a soidade dos maiores. Ademais de fomentar a axuda no fogar por concorrencia e atención á dependencia, promover pisos interxeneracionais do parque público, dinamizar a vida social a través dos cinco comedores senior e trasladar o de Caranza ao novo mercado, talleres de memoria, actividades mixtas maiores/infancia, como roteiros, transmisión oral de tradición e outras iniciativas.
§ Instar á Xunta á construción de residencias de maiores públicas de xestión directa e non especulativa.
§ Instar á Xunta a cooperar coa Fegamp e o concello de Ferrol para unha Renda Básica Universal, que supere o ríxido marco do Risga e outros subsidios, unificándoos e simplificando os seus trámites, de xeito que unha renda equivalente ao Salario Mínimo Interprofesional quede garantida.
§ Promover a Casa solidaria como centro de recursos sociais e lugar de encontro de entidades sociais onde podan levarse a cabo seminarios e encontros para fomentar a sensibilización e o voluntariado.
§ O colectivo de persoas migrantes supón un censo que supera o 3% da poboación de Ferrol. Un colectivo de por si marxinado, precisa de canles de participación e inclusión, con políticas de discriminación positiva, ademais da oportuna pedagoxía integradora e respectuosa, sen consentir ningunha marxinalidade ou sobreexpolotación, nin barreiras no acceso ao sistema educativo, á vivenda ao mercado laboral ou ao goce do tempo de lecer, para o que Ferrol en Común fornecerá a oficina de atención ás persoas migrantes onde se ofrecerá orientación e formación, así como políticas de concienciación baseadas no respecto e a tolerancia.
§ Compromiso para considerar a inclusión das necesidades de colectivos con especiais dificultades como vector transversal de atención preferente en todas as liñas de acción política.
Reforzar a rede de servizos sociais comunitarios básicos.
§ Creación das UNIS (Unidade de traballo e educación social e unidade de intervención social) cun psicólogo/a por cada 7.000 habitantes, con descentralización da atención en todos os barrios.
§ Adecuación dos equipamentos de centros municipais de servizos sociais coa inclusión de salas de actividades, onde sexa posible situalos en centros cívicos.
§ Potenciar o Sistema Local de Servizos sociais coa posta en funcionamento de Ferrol en Rede Social: apoiar á iniciativa social sen fin de lucro e establecer canles de colaboración estables (apoio técnico municipal, de recursos e económico estable).
§ Priorización da inserción sociolaboral de colectivos vulnerables coa creación dun equipo de inclusión que inclúa figuras de preparadores/as laborais.
§ Potenciación da Oficina de atención á dependencia que aglutine todos os servizos que teñan que ver con esta área de intervención: axuda no fogar, banco préstamo axudas técnicas, xantar na casa…
§ Rematar a configuración de centros de día: creación de pequenos centros de día municipais de barrio con capacidade para 12-15 persoas coordinados pola oficina de atención á dependencia.
§ Creación dun Servizo de Emerxencias Sociais que funciona as 24 horas en coordinación coa policía local, protección civil e servizos sociais.
§ Aplicar o enfoque de Inclusión Activa non asistencialista, garantindo que calquera persoa en pobreza ou exclusión dispón, no prazo máximo de 10 días hábiles, dunha profesional de referencia que facilite o seu acceso áxil ás prestacións sociais e ao emprego.
§ Creación dun servizo de orientación xurídica específico para colectivos vulnerables, impulsando a incorporación e participación destes colectivos nas entidades e organismos que as representan.
§ Fomentar a participación social e política das persoas con dificultades coa incorporación das mesmas ás listas de forma que o compromiso dos distintos partidos e agrupacións políticas se manifeste non só en cuestións programáticas, senón tamén nas persoas que, como responsables políticos, teñen que levalas a efecto.
§ Garantir o respecto á dignidade das persoas en risco de pobreza ou exclusión. Fomentando a súa participación, dándolles voz e difundindo mensaxes positivas de logros, situacións de autonomía e empoderamento das persoas e as súas problemáticas sociais, non illadas. Realizar actuacións de formación e implicación da cidadanía.
§ Mellora dos servizos sociais municipais reforzando a actuación das/os profesionais e os recursos destinados á atención de persoas con vulnerabilidade, mellorando a coordinación dos distintos servizos e recursos.
§ Creación do Observatorio de Intervención en Dereitos Humanos e necesidades sociais.
§ Elaboración dun Plan municipal da Saúde que promova a vida saudable das persoas.
§ Crear mecanismos de coordinación entre administracións públicas, entidades responsables da promoción da saúde e tecido asociativo de ámbito municipal que garantan unha cobertura sanitaria adaptada ás necesidades das persoas con vulnerabilidade.
§ Implementar, en colaboración coas administracións, entidades e tecido asociativo, campañas de sensibilización, prevención e formación das persoas con necesidades sociais.
§ Apoiar medidas para loitar contra a discriminación por calquera orixe.
Feminismo
Ferrol en Común proclama que a transformación social será feminista ou non será. A loita contra o patriarcado, a sonoridade, o empoderamento e loita fraterna das mulleres que eclosionou nas rúas nos últimos anos no 8 de marzo debe consolidarse na autoorganización, pero tamén no estímulo de políticas públicas de loita contra o machismo e a violencia derivada deste, contra a fenda salarial, a prol da diversidade e liberdade, na construción de redes de axuda mutua e, por suposto, na colaboración e potenciación de entidades de mulleres, tanto no ámbito urbano coma no rural.
Ferrol en Común ten entre os seus documentos aprobados en asemblea, ademais dun código ético e este programa, un documento completo de feminismos, que recolle a obriga dos cargos públicos de orientar e facer das políticas de todas as áreas instrumentos para a loita pola igualdade, considerándoo non unha área en si mesma, senón unha ferramenta transversal que asolague de feminismo a nosa cidade en todas as súas políticas públicas.
§ Desenvolvemento e aplicación do regulamento do Consello sectorial municipal de igualdade, feminismos e diversidade.
§ Programas de prevención da violencia machista, seguindo a senda de Ferrol en Negro dende idades temperás.
§ Promoción da conciliación e coeducación, con programas como PequeEduca en igualdade e outros semellantes.
§ Posta en valor do feminismo a través de iniciativas como Ferrol en Lila, a revista Machina e documentar a memoria das nosas maiores escurecida polo patriarcado.
§ Incremento dos orzamentos municipais dedicados á concellería da muller, co fin de romper os teitos de cristal e poder converter a Casa da Muller en epicentro do empoderamento feminino.
§ Dotar de máis recursos persoais e materiais á Casa de acollida municipal, co fin de ofertar unha atención integral ás súas usuarias que lles permita afrontar un novo proxecto de vida, a través da asistencia social, xurídica e psicolóxica, así
como unha política de inserción laboral que permita un desenvolvemento autónomo como mulleres libres.
§ Ferrol en Común loitará para facer realidade o dereito a que se practique na nosa
área sanitaria e no ámbito público as interrupcións voluntarias do embarazo, sen consentir regresións no dereito ao aborto.
§ Crear a Escola de empoderamento feminista, de carácter itinerante: favorecer a visibilización e a participación das mulleres e mozas de colectivos con necesidades sociais.
§ Revisar o protocolo de prevención e denuncia do acoso sexual e moral; continuar coa aposta por usar unha imaxe e unha linguaxe igualitaria nas accións municipais de comunicación.
§ Incorporar a perspectiva de vulnerabilidade a todas as políticas, estratexias, programas e accións en materia de igualdade de xénero e promoción dos dereitos das mulleres.
§ Estender os Obradoiros de igualdade e corresponsabilidade dirixidos ao alumnado dos centros educativos. Crear Obradoiros de homes interesados en abrir un espazo de reflexión vivencial que facilite a transición necesaria para acadar unha igualdade real entre mulleres e homes.
Medio Ambiente
Ferrol é un concello libre de agresións urbanísticas nas zonas costeiras, a inmensa labor e entidades como a SGHN (Sociedade galega de historia natural), Verdegaia ou Adega, logrou preservar gran parte do noso patrimonio medioambiental. Porén sufrimos a praga da eucaliptización, proclamándose no mandato 2015 Ferrol coma cidade libre de eucaliptos. Os poucos espazos de fraga autóctona deben ter unha protección especial, a flora e fauna merecen o respecto institucional suficiente que blinde eses espazos privilexiados fronte á depredación da especulación madeirista, urbanística ou de turismo agresivo.
A combinación dunha técnica de medio ambiente, a necesaria cobertura da praza de enxeñeiro forestal, e a activación da patrulla da policía local experta en medio ambiente, xunto cos mecanismos de ordenanzas e regulamentación estrita cun modelo de sancións exemplares, deben ser os mecanismos que sirvan de freo á tendencia a desprezar e espoliar os nosos recursos naturais. Pero tamén a formación, como a necesaria colaboración con entidades ecoloxistas para concienciar á sociedade ferrolá do que debemos poñer en valor para ter un planeta saudable, sostible e non agredido.
O movemento Friday for future, do que foi partícipe a mocidade ferrolá, supuxo abrir a xanela á esperanza, o compromiso de mozas e mozos de instituto para saír á rúa e berrar contra a contaminación e o cambio climático, deben ser o facho que ilumine a acción de goberno de Ferrol en Común en materia medioambiental.
§ Incluír na modificación do PXOM a protección de espazos de especial relevancia ambiental e, en tanto isto non suceda, incoar o expediente de protección ENIL (Espazos naturais de interese local) para a Fraga de Menáncaro, o Souto de Monte Fontelo, a Fraga da Pega, a Carballeira da Casa
do Monte ou o Acivreiral de Covarredeiras. Incluír na protección a flora e a fauna autóctonas.
§ Catalogar e inventariar os humidais ferroláns, como o rego de Doniños ou as turbeiras do Coto de San Xurxo para identificar e protexer cos mecanismos legais autonómicos.
§ Erradicación de especies exóticas invasoras. Articular un plan de erradicación mancomunado para un control efectivo, coa integración nunha mesa sectorial da Xunta de Galicia e as entidades ecoloxistas.
§ Recuperación ambiental dos areais de interior (Caranza, praia do Olmo e dos Curas, etc.).
§ Eliminación do emprego de herbicidas por parte do concello e sustitución destes por métodos mecánicos e/ou biolóxicos non contaminantes.
§ Realización de cursos formativos de fomento da agricultura ecolóxica, libre de químicos, favorecendo a sustentabilidade e conservación da biodiversidade.
§ Promover un “Concello Verde” nas instalacións municipais, e seguir a traballar nos compromisos do decálogo da oficina verde dentro do Programa Ferrol + Sostible.
§ Seguir apostando pola Aula de Ecoloxía Urbana como polo dinamizador, formativo e de sensibilización para nenos e adultos respecto do coidade do medio ambiente.
§ Traballo cos centros educativos para afondar en valores relacionados co coidado do medio ambiente.
§ Establecemento de convenios e programas de colaboración coas entidades ambientais e divulgativas da cidade.
§ Voluntariado ambiental en colaboración coas entidades ambientalistas e de divulgación neste eido, que conxugue a formación e a acción social.
Benestar Animal
Ferrol é unha cidade con 10.000 cans rexistrados, un por cada sete habitantes. A iso súmanse as colonias felinas, os gatos domésticos e outras especies. A colaboración de Libera na redacción do programa de 2015, e o impulso desta concellaría, en íntima cooperación coa xefa de gabinete e as entidades ecoloxistas, facilitou a publicación dunha ferramenta fundamental, a Ordenanza de protección animal, programas exitosos nas escolas como o Canvivindo, ou un maior control do refuxio mancomunado de Mougá.
Cómpre seguir avanzando na loita contra as agresións aos animais e impoñer penas máis severas a estas actitudes. Ferrol é unha cidade libre de circos con animais e touradas, na que tamén está prohibida a exhibición de animais en escaparates comerciais, por instancia deste goberno, Ferrol quere ser unha cidade amigable, respectuosa cos animais e que garanta espazos de desenvolvemento e liberdade para as persoas e animais que conviven en harmonía.
§ Programa de mellora dos parques para cans, actuacións dos recintos actuais tanto nos xogos como nos servizos, apertura dun por barrio e crear na enseada da Malata unha gran área recreativa canina, punto de encontro e socialización. Seguiremos traballando para abrir outros espazos como a Praia de Cans, co consenso necesario para desenvolvela entre entidades ecoloxistas, veciñais e animalistas, sen caer na inmediatez que demandan os impactos mediáticos de fácil consumo.
§ Traballo no cento escolar de sensibilización na convivencia, o bo trato animal e contra o maltrato (Canvivindo).
§ Control de colonias felinas a través do método CES (captura, estirilización e solta), para un control máis ético e humano das colonias de animais urbanos, sendo eficaz e incruenta.
§ Plans trimestrais de diversas temáticas vinculadas co benestar animal (adopción, contra o maltrato, campaña de marcación co chip, de coñecemento da canceira, realizar un torneo agility, etc).
§ Permitir o acceso de mascotas ao transporte público.
§ Creación dunha Oficina Municipal de Atención Animal, que forme, informe e desenvolva programas de adopción, integrando a asociacións protectoras que coordinen o traballo do voluntariado, e posibilite a súa participación no paseo e fomento da adopción dos animais que se atopen no refuxio de Mougá, que sirva de asesoramento á Policía Local respecto á forma de actuar ante situacións extremas (cans abandonados, maltrato animal, etc.).
Consumo
Poñer en marcha unha estratexia global de fidelización e dinamización dos mercados locais.
Crear unha marca paraugas “Mercados de Ferrol” que abranga os tres existentes, cunha identidade corporativa común.
Potenciar a presenza e promoción da marca “Mercados de Ferrol” con campañas de difusión online e offline.
Crear unha plataforma de venda online para que os/as praceiros/as que o desexen poidan vender a través desta canle.
§ Reforzar a OMIC (oficina de atención ao consumidor sita no Mercado da
Magdalena) para dotala de todo o preciso para o seu óptimo funcionamento.
§ Activar campañas en períodos estivais e outras datas para potenciar o consumo local.
§ Revisar a ordenanza municipal para que nos mercados se podan establecer diferentes establecementos de hostalaría.
§ Facilitar a cesión e uso dos postos baleiros nos mercados, simplificando ao máximo os trámites e tempos administrativos.
Un Ferrol para ser
O desenvolvemento persoal a través da cultura, do deporte, da educación en todas as súas formas, da lingua, é a mellor forma de percorrer o camiño do individual o colectivo, do coñecemento ao respecto, do estar ao ser. Ferrol en Común aposta e apostou por potenciar dende a infancia o desenvolvemento como persoas a través do lecer e enriquecemento persoal na cultura e historia social para o progreso como sociedade.
Deportes
A riqueza deportiva de base é de elite na nosa cidade eclosionou nos últimos catro anos en forma de éxitos en múltiples disciplinas a nivel nacional, de forma individual, pero sobre todo colectiva.
Estes éxitos non se corresponden, por desgraza, co estado decadente de todas as instalacións deportivas da cidade, construídas nas dúas últimas décadas do século vinte e condenadas ao abandono por falta investimento. Neste mandato fixéronse labores de actualización de instalacións importantes, como o cambio de iluminación, cuberta e pavimento do pavillón da Malata, o cambio da caldeira na piscina de Caranza, ou a mellora da praia da piscina da Malata. Aínda con todo é insuficiente, e precísase unha planificación a longo prazo, xa exposta no apartado de obras de investimentos e financiamento para a mellora do xa existente, aspirar a novas infraestruturas neste eido sería sobordar as necesidades pola poboación de Ferrol, o cal sería un derroche.
Por outra banda a proliferación de clubes que reciben unha subvención nominativa é, no campo administrativo, unha actividade contra natura, que se vén mantendo dende o inicio da democracia. Ferrol en Común está disposto a dar un paso valente, e mudar nominativo por concorrencia, para fomentar o deporte de base, evitar discrepancias entre clubes e equiparar, con métodos obxectivos e baremables a correcta administración dos recursos públicos.
Por último, o concello de Ferrol non pode ser mero testemuño das actividades que desenvolven os clubes. Ademais de impulsar, como vén facendo a Adolfo Ros, a carreira noctura, travesías a nado, e múltiples actividades, debemos volver ao deporte na rúa, en espazos naturais que debemos poñer en valor, e prestar especial atención a colectivos en risco de exclusión.
§ Impulsar o deporte base en todas as disciplinas deportivas, procurando o necesario equilibrio entre referentes das elites co necesario apoio á infancia no exercicio da actividade física a través dos clubes da cidade.
§ Revisión do modelo de subvencións nominativas, establecendo un plan de catro anos para mudalo a subvencións por concorrencia, máis xustas e equilibradas.
§ Integrar os espazos deportivos no plan de obras para a súa mellora, adecuación e mantemento.
§ Seguir apostado pola plena igualdade entre mulleres e homes, tanto no exercicio da actividade coma nos posibles premios por resultados
§ Creación dunha mesa sectorial de deportes, que emule o antigo Padroado, que sirva de diagnose e solucións propositivas para o desenvolvemento do deporte en Ferrol.
§ Punta Arnela como referente deportivo: neste mandato activáronse as naves
1, 2 e 3 como centros de adestramento, pulamos por reforzalos e acondicionalos cunha mellora substancial que estabilice ese proxecto.
§ Promoción do deporte como actividade saudable, creación de roteiros, parques biosaudables e ximnasios a ceo aberto con paneis informativos coordinados co servizo de cardioloxía do CHUF que indiquen as vantaxes da actividade deportiva e consellos para a súa práctica.
§ Cooperar con entidades sociosanitarias para a inclusión no deporte de todos os colectivos con diversidade funcional.
§ Potenciar as rutas de sendeirismo existentes e todas as actividades deportivas en espazos naturais, cun mantemento adecuado a través da cuadrilla de obras da zona rural, e creación de novas infraestruturas sinxelas para o desenvolvemento de deportes urbanos.
§ Establecer xornadas de deporte na rúa, que achegue a toda a sociedade, con independencia da idade ou condición, os beneficios para a saúde da práctica deportiva.
§ Potenciar A Cabana como centro de deportes náuticos, cun forte investimento que lle dea perdurabilidade. Conveniar coa Autoridade Portuaria máis puntos de atraque, para combater a realidade de Ferrol, punto negro europeo en servizos náuticos.
§ Asesoramento xurídico-técnico permanente para as entidades, dende a súa creación ata a presentación das xustificacións en materia de subvencións, así como regularización da cesión de espazos municipais xestionados por entidades a través dos correspondentes convenios públicos e por concorrencia.
§ Facilitar o acceso e organización de torneos na cidade en colaboración entidades deportivas/Concello que fagan de A Malata un lugar de encontro para a xuventude ferrolá.
Cultura e Lingua Galega
Hai un antes e un despois no mundo cultural ferrolán dende o ano 2015. A época actual, grazas ao traballo exemplarizante desta concellaría, supuxo unha auténtica revolución cultural en todos os eidos, ademais da calidade e cantidade púxose fincapé en desenvolver actividades formativas paralelas que garantisen o acceso á cultura de todas as persoas sen exclusión. Exemplo claro, sen ánimo exhaustivo é o acceso da zona rural á banda municipal a través de buses fletados polo concello, a extensión de eventos a todos os barrios, preservando a cultura local e dando a coñecer artistas internacionais de prestixio. O foco cultural galego está en Ferrol.
Así mesmo, a cesión de espazos a entidades culturais son un obxectivo cumprido (Ateneo, Antigo Hospicio, Centro Cívico de Canido).
Como tamén o impulso do uso da lingua galega en todas as relacións coa administración, ao aplicar estritamente a ordenanza de normalización lingüística e a dinamizar actividades culturais que dean pulo ao uso da lingua en todos os eidos sociais da cidade, foron punto de apoio transversalizador en todas as áreas, pese ás reticencias dos partidos da dereita, que non cren nin na lingua nin na cultura como método de crecemento social e xermolo da masa crítica necesaria para unha democracia.
Polo tanto, o programa cultural de Ferrol en Común aposta por manter e potenciar o traballo desenvolto da concellaría, darlle continuidade á súa labor, xa que logo os inputs recibidos no 99% do tecido cultural da cidade son de satisfacción plena, quedando como retos pendentes a regularización da Banda ferrolá de música e culminar o proceso de selección dun técnico de cultura, bases xa publicadas, para a profesionalización da prolífica actividade cultural que fin de semana tras fin de semana enche os espazos culturais, a prezos reducidos, as festas, o entroido, o nadal, as pepitas, os maios e todos aqueles eventos que preservan a nosa tradición que son apoiados polo Concello de Ferrol
§ Potenciar as actividades culturais e festas populares co consenso cidadá.
§ Manter a xestión que permita o maior horario de apertura posible de centros culturais e bibliotecas públicas.
§ Promoción de grupos, entidades e compañías locais.
§ Labores formativas a través de talleres e obradoiros públicos en artesanía, alfarería, cerámica, maxia e outros.
§ Fomento da lectura, a través do apoio á festa do libro e da palabra e outras moitas actividades neste eido.
§ Apoio a festas populares e tradicionais da zona rural co incremento orzamentario oportuno.
§ Coordinar con comercio e hostalería a diversificación e descentralización participada das actividades culturais e festivas.
§ A cultura e o lecer como promotores municipais dunha sociedade inclusiva: garantía da accesibilidade universal como parte integrante da cultura para a eliminación de todos os obstáculos posibles en museos, centros culturais ou de arte, etc. que fagan posible a práctica e o lecer inclusivo, contando cos recursos humanos e técnicos necesarios e formación aos profesionais que interveñen no deseño, xestión, realización, información e soporte das actividades culturais, recreativas, deportivas e de lecer no coñecemento das persoas con discapacidade e sobre as características e sistemas de accesibilidade.
§ Promoción, normalización e colaboración coas entidades como a Coordinadora de Equipas de normalización lingüística para o uso do galego como lingua vehicular nunha cidade desprotexida e con necesidade dunha discriminación positiva.
§ Continuación de iniciativas para a normalización como Galicamp, campamentos infantís, Programa Apego para socializar o galego dende idades temperás, Roteiros de recuperación da memoria como Ferrol Rebelde ou o Roteiro das Irmandades da Fala.
§ Avanzar, como no barrio da Cabana, na adaptación ao galego da toponimia da cidade.
§ Accións formativas para o uso normal do galego por parte do persoal do Concello.
Educación e Universidade
Ferrol en Común defende que o concello de Ferrol debe ser o referente e garante dunha Educación pública, de calidade, compensatoria, laica e universal, desenvolvendo programas educativos compensatorios, en permanente relación cos centros de ensino, nomeadamente daqueles con alumnado en situación social desfavorecida, con atención preferente aos barrios obreiros e populares, é dicir, fornecer a Ferrol como concello educador ao longo da vida, para toda a cidadanía.
§ Procurar un ensino universal social e compensatorio creando unha infraestrutura que coordine as accións necesarias das Concellerías de educación, servizos sociais, emprego e igualdade, en relación coas entidades educadoras da cidade.
§ Elaborar un plan de choque para conseguir o éxito escolar, poñendo en marcha medidas compensatorias para asegurar que rematen, polo menos, a educación secundaria obrigatoria.
§ Inventariar e orzamentar as instalacións que dependan do concello (patios, pavillóns, hortos e árbores).
§ Presenza da policía municipal en entradas e saídas dos centros educativos.
§ Concienciación, creación e conservación dos camiños escolares.
§ Recuperación da festa da árbore con lembranza ao mestre J.García Niebla.
§ Inserir a universidade no tecido educativo e cultural da cidade de xeito que sexa un referente para a cidadanía, máis alá das clases e títulos.
§ Desenvolvemento de campañas que potencien a inclusión como un factor determinante no desenvolvemento da persoa.
§ Facilitar programas e servizos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas familias con menores ou persoas con discapacidade, especialmente naquelas unidades familiares unipersoais ou para favorecer a inserción social elaboral.
§ Potenciar o Consello Escolar Municipal, os Consellos Escolares e as
ANPAS.
§ Elaborar unha guía dixital permanente da oferta de formación escolar, extraescolar, ocupacional e de lecer de todas as entidades de Ferrol.
§ Optimizar o uso dos recursos dos centros educativos (pista polideportiva, biblioteca, sala de informática, etc.) en horario de tarde e de fins de semana.
§ Reivindicar que a oferta de comedores escolares sexan unha oferta da Consellería de Educación, convertendo os comedores escolares nun espazo educativo e formativo.
§ Mellorar o desprazamento das nenas e nenos do rural aos seus centros escolares.
§ Protocolorizar a relación entre os centros educativos e os Servizos Sociais municipais.
§ Implantar as escolas de nais e pais como medida compensadora.
§ En educación infantil, 0-3 anos, dotar de prazas públicas suficientes ás necesidades da poboación; de 3-6 anos, revisión, mantemento e substitución da dotación de xogos exteriores dos patios dos colexios.
§ En educación primaria, promover unha oferta actividades extraescolares segundo as necesidades do colectivo destinatario.
§ En educación secundaria e bacharelato, programar xornadas informativas cara a continuidade de estudos na FP, no bacharelato ou na formación cara ao emprego.
§ Na formación profesional, crear unha oferta de formación profesional permanente para o alumnado que non teña estudos e/ou experiencia laboral.
§ Establecer un convenio de colaboración único entre as empresas públicas e privadas, asociacións de empresas, outras entidades empregadoras, centros educativos e concello para promover unha formación na empresa (prácticas) de calidade e o compromiso de contratación, potenciando a presenza do tecido empresarial nos centros educativos.
§ Na universidade, agrupar a oferta universitaria da universidade da Coruña, campus Ferrol, en tres grandes centros coa finalidade de optimizar recursos:
Centro de enxeñarías, que recollería tanto os graos como os mestrados de enxeñaría industrial, naval, eléctrico, deseño.
Centro das humanidades e ciencias xurídicas, englobaría os graos e mestrados de ciencias do traballo e os de humanidades.
Centro das ciencias da saúde, con enfermaría, podoloxía e cun espazo para a clínica podolóxica.
Creación dun grao en prevención de riscos laborais (na actualidade é un mestrado).
§ Facilitar os estudos de educación de persoas adultas para a poboación sen estudos e/ou de mellora de emprego, establecendo un punto de información municipal no centro de educación permanente de adultos de Caranza.
Ferrol mola
Patrimonio Histórico
Chegar ao Castelo de San Felipe e contemplar a bocana da Ría. Pararse na casa Romero de Ucha e fixarse en cada detalle das volutas. Escoitar a César Pita falar de Pedro Guimarey. Coñecer a folga do aceite dos anos corenta. Imaxinar a vida dun ferreiro traballando para a Armada. Estremecerse sabendo que no muro do cemiterio foron asasinadas persoas por ser demócratas. Ferrol, o berce da loita obreira e de Pablo Iglesias, de Castelar e Concepción Arenal, de tantos persoeiros ilustres que enchen páxinas e páxinas dos libros de historia, ten un patrimonio de valor incalculable.
Ferrol é patrimono palpable, modernista, visualmente poderoso. Pero hai un patrimonio inmaterial que, se ben non podemos tocar, si sentir e emocionarnos recordando a quen debemos tanto para ser unha cidade lóxica nun entorno máxico.
A protección deste patrimonio, a súa posta en valor, a ansia por dalo a coñecer ao mundo, deben ser os eixos nos que articulemos unhas políticas patrimoniais, históricas e turísticas, que non afeen o noso pasado, e poidamos mostrarnos fachendosos de dicir que somos porque outros foron antes, xente de Ferrol que fixo de nós un pobo orgulloso de si mesmo.
Tal vez, se logramos vencer eses muros da vergoña, ese sentimento colectivo que ás veces pesa como unha lousa granítica no tecido social, onde nada serve e nada vale, se se vincula a Ferrol o orgullo de pertenza, tal vez, cando deamos ese paso e tiremos tantos muros que cómpre derrubar, o entusiasmo coopere a ver con outros ollos aquela pedra, aquela pequena iniciativa social, aquela empresa que se crea, aquel proxecto que nace, e así, nun círculo de estímulos, logremos saír das nubes negras que nós mesmos construímos no noso ceo, para deixar entrar, ao fin unha luz que nos leve a un verán invencible.
§ Protección e defensa do patrimonio histórico do concello, como o Castro de Esmelle ou o conxunto de mámoas de Brión.
§ Articular unha defensa regulada de espazos singulares, tal e como fixemos coa catalogación dos Montes do Cha como montes comunais para a súa defensa polos veciños e veciñas con conciencia medioambiental.
§ Inventariar e catalogar os bens patrimoniais do termo municipal, e darlles unha protección adecuada ao seu valor.
§ Reforzar o servizo de arqueoloxía do Concello de Ferrol, co fin de colaborar na detección e adecuada preservación dos depósitos arqueolóxicos.
§ Rehabilitación integral do Castelo de San Felipe, cos fondos acadados coa cooperación coa deputación e o 1,5% do IVE cultural, rehabilitación acompasada
cun plan de usos que faga do castelo bandeira de cidade, a través de obradoiros de cantería, centro de interpretación histórica, roteiros da súa historia.
§ Poñer en valor as diferentes rutas urbanas, municipalizándoas, a ruta da construción naval, do modernismo e outras, como fonte de conservación do patrimonio inmaterial, asemade, rutas rurais pola costa, entre baterías e faros, sendo respectuosos coa flora e fauna autóctona.
§ Mesa da memoria. A tradición oral acaba diluíndo a historia e cada xeración que pasa perde parte do pasado. Documentalo é case unha obriga dunha sociedade moderna. Propoñemos a creación desta mesa interxeneracional para o coñecemento do modo de vida dos nosos maiores, como transmisión dun patrimonio fundamental, o modus vivendi.
Turismo
A costa Ártabra é un punto de referencia do turismo familiar e desestacionalizado, o que os expertos no sector veñen en denominar turismo slow. O crecemento constante dos peregrinos que toman o Camiño Inglés, a sede de Ferrol como parte do campionato Siroko de surf, o incremento exponencial de turistas que pasan polas nosas oficinas… fan de Ferrol e comarca un lugar potencial de crecemento turístico.
Ferrol en Común aposta por un turismo sostible, complemento necesario ao noso principal motor socioeconómico, o sector industrial, nomeadamente o sector naval público, e por iso impulsará todas aquelas iniciativas que permitan un crecemento constante e ordenado do turismo, sen consentir agresións ou especulacións urbanísticas que nos convertan nunha réplica de certas vilas das Rías Baixas, pero si un turismo familiar e constante ao longo do ano, vinculado a actividades na natureza e o desfrute da nosa gastronomía e tradicións, para conseguir o obxectivo final: crear postos de traballo estables e dignos nese sector que estimulen a economía local e, en consecuencia, o crecemento demográfico, clave imprescindible para a recuperación da cidade.
§ Ferrol Vello porta do Camiño Inglés. Seguir a traballar na recuperación integral deste barrio histórico da nosa cidade que é porta de entrada dos peregrinos que inician o Camiño Inglés.
§ Potenciar a Oficina do Peregrino e avanzar nas xestións coas diferentes administracións para converter o Edificio de Aduanas nun albergue de peregrinos, o cal non só melloraría a faciana do peirao de Curuxeiras, senón que sería unha fonte de ingresos e de dinamización do comercio e da hostalaría do barrio de Ferrol Vello.
§ Seguir impulsando o turismo “slow travel”, Ferrol como destino de tranquilidade e de contraposición ao turismo de masas. Poñer en valor as cualidades paisaxísticas, gastronómicas e culturais.
§ Vinculada a isto a creación dunha marca de calidade de produtos artesáns e de consumo vencellados co Camiño Inglés.
§ Potenciar e controlar o turismo de acampada e caravanas, para o seu estacionamento en zonas habilitadas que reúnan as condicións ambientais e hixiénicas.
§ Mellora do estacionamento de caravanas da Malata en canto aos servizos, así como a habilitación doutras zonas que posibiliten o estacionamento destes vehículos.
§ Seguir apostando por “Ferrol Activo” como destino de aventura, de natureza e sostible. As posibilidades que ofrece a cidade polo seu entorno natural tanto para a práctica deportivas naúticas, como no impulso de rutas de sendeirismo e BTT. Mellora da sinalización destas rutas.
§ Potenciar as diferentes rutas urbanas -modernismo, Ferrol en feminino, Rutas da Meninas, da Ilustración,- así como as rutas dos castelos ou dos faros na zona rural.
§ Turismo inclusivo. Desenvolvemento dun plan específico para promover o turismo inclusivo, cun plan de mellora da accesibilidade de destinos turísticos do Concello, difusión de lugares e locais que cumpran a normativa de accesibilidade nos portais de difusión turística do Concello (con información precisa sobre accesibilidade), creación de guías turísticas destinadas a persoas con discapacidade ou con mobilidade reducida.
Un Ferrol para o mañá
Emprego
O emprego é unha parte vital para a recuperación social, demográfica e mesmo anímica da nosa cidade. Dende Ferrol en Común consideramos prioritario establecer políticas de emprego municipais que saiban dar resposta á crise estrutural da dependencia pública na creación de emprego, que cando goberna a dereita axita con amortizacións, desmantelamentos e volve raquíticos os sectores públicos. Nos últimos anos Navantia, CHUF e Arsenal son os principais empregadores da comarca. Pero paralelamente, xurdiu un grupo de Pemes que traballan na diversificación, embrión en torno á Asociación de novos empresarios, que impulsan iniciativas TIC, que apostan pola innovación e que, xunto co impulso que está a dar o Campus de Ferrol a novas titulacións, como deseño de moda ou turismo, fannos manter viva a esperanza para non depender dos ciclos de construción naval
Malia a sensación colectiva, o ciclo 15-19 respecto ao 11-15 supuxo a baixada de 10 puntos porcentuais na taxa de desemprego e a creación de máis de 1000 postos de traballo. Ferrol en Común, a través dun dotado e con plena ocupación Centro de emprego municipal, foi un axente clave nesa recuperación, tanto con iniciativas propias coma cunha interlocución constante co tecido empresarial, sindical e social. Queremos seguir nese camiño, darlle solidez e continuidade, de xeito que de forma participada academos os nosos obxectivos: con emprego, benestar social e recuperación demográfica facer un Ferrol alegre e vivo, que recupere o pulso dun pasado non tan distante.
§ Pacto Local polo Emprego en coordinación cos diferentes axentes socias e mesas de traballo. Organización de mesas sectoriais polo emprego con representación de sindicatos, empresarios para detectar carencias formativas, así como necesidades de formación en novos perfís que se vaian demandar.
§ Apoio ao empredemento sostible e social, falamos de promoción da economía social, cooperativismo ou emprego verde. Creación da oficina do cooperativismo. Aposta pola formación en economía social.
§ Política impositiva de apoio ao inicio da actividade económica, é dicir aprazar e diferir os impostos e gastos municipais para empresas de nova creación ou instalación no concello sempre que cumpran os requisitos de xerar empregos de calidade.
§ Liñas de apoio económicas e formación para ás PEMES e o pequeno comercio, para a busca da diversificación da súa actividade e aumento do valor engadidos dos produtos.
§ Na contratación pública municipal, inclusión nos pregos administrativos das cláusulas sociais (especialmente en relación ao xénero e ás condicións laborais e cunha política activa de RSC, responsabilidade social corporativa).
§ Investir na formación propia adaptada á realidade social. Seguir traballando na homologación das aulas para poder impartir formación propia: medio ambiente, agricultura ecolóxica, creación de empresas, prevención de riscos laborais, novas tecnoloxías e TIC´s.
§ Ofrecer chan industrial para o asentamento de empresas de novas tecnoloxías, do terceiro sector ou emprego sostible
§ Participación en programas de emprego en colaboración e cooperación con outras administracións, para desenvolver proxecto de desenvolvemento local e recuperación do patrimonio, como o dique da Cabana ou Museo da Sociedade Galega de Historia Natural.
§ Aposta pola construción naval e o estaleiro 4.0 en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC).
Mocidade
A nosa mocidade vémola cada día nas rúas e prazas, cada vez máis participativa nas mobilizacións sociais, cada vez máis consciente da forza do colectivo, logo da crise de individualismo extremo que vivimos nos primeiros anos do século XXI.
Non se pode negar que o problema principal e máis acuciante, xa estrutural, de Ferrol, é a perda de poboación, indubidablemente vinculada á falta de emprego pola crise industrial reiterada dende que outras instancias quixeron converter á nosa cidade nunha cidade de servizos, unha construción inventada contra natura que agora toca reverter. E ese é o papel da mocidade, valente e loitadora, que participa na folga feminista, na folga de estudantes, que se agrupa en entidades asociativas e practica deportes urbanos. Pero é obvio que a mocidade por si mesma non poderá sobrevivir ao bombardeo de destrución de emprego e desmantelamento dos sectores produtivos que estamos a vivir. Precisamos de institucións
fortes e decididas que ofrezan camiños de formación e lecer aos nosos mozos e mozas, para reter todo o seu talento dentro das nosas fronteiras e poder construír un Ferrol mellor. Así, dende esta concellaría, recuperouse a Casa da mocidade, organizáronse actividades en Esteiro, Santa Mariña, Praza de España… de deportes urbanos e creación, organizáronse múltiples xornadas e cursos formativos, e ese debe ser o camiño a seguir, poñer a disposición os vehículos necesarios para que os nosos mozos e mozas transiten con facilidade polo camiño de amosar unha faciana de Ferrol máis positiva, alegre e humana. Ferrol en Común confía na mocidade para cambiar a orde do preestablecido e acompañalos nesa senda de transformación.
§ Casa da mocidade autoxestionada, coma durante este mandato, blindada a actividades para mozas e mozos.
§ Plan de emprego específico destinado á mocidade 19-23. Programa de apoio ás cooperativas integradas por xente moza.
§ Tarxeta +nova de acceso bonificado a centros deportivos e actividades culturais.
§ Promover a cesión dunha cota de vivendas en réxime de aluguer de titularidade municipal.
§ Promover o asociacionismo xuvenil. Creación dunha asesoría integral para a mocidade e adolescencia, que proporcione información e recursos, que a dinamice e a poña en valor, para erradicar o bullying, o consumo de drogas e fomente a alimentación saudable, o voluntariado, os programas de educación sexual, o coidado do entorno.
§ Creación de espazos de lecer permanentes, tanto na zona rural como urbana, con roteiros e deportes urbanos, que fagan do coñecemento e a saúde piares básicos nas súas opcións de desenvolvemento.
Un Ferrol para todas
Participación e Transparencia
Nos últimos catro anos Ferrol subiu exponencialmente en transparencia. Entramos no goberno prometendo abrir portas e xanelas e acadámolo. Non só no plano formal, cunha contención de gasto protocolario e suntuario, restrición no uso de vehículos oficiais e baixada de salarios, se non tamén de forma obxectiva, chegando, algo impensable hai poucos anos, a ser a terceira cidade de Galicia con maior transparencia.
O cambio da páxina web, con acceso a todos os contratos públicos, declaracións de bens e rendas de toda a corporación, actas de comisións e plenos, fixeron de Ferrol un concello con paredes de cristal.
A chegada da xente do común ás institucións supuxo un intrusismo na vella política, esa que fai do servizo á veciñanza unha profesión, e que dirixen as súas accións políticas dende altas esferas que nada teñen que ver cos poderes democraticamente escollidos. Nós estivemos para a xente e coa xente, accesibles, con proximidade e humildade, recollendo
todas as propostas individuais e colectivas, tratando de dar cumprimento ao mandato popular, sen ataduras nin dependencias externas.
No seguinte mandato o obxectivo é ampliar horizontes, pero cómpre mudar o modelo actual, facer da nosa cidade un espazo participado onde se involucren máis os mozos e mozas, onde a política non xere desidia se non ilusión, e para iso propoñemos novos mecanismos e modelos.
§ Facilitar o acceso da cidadanía aos servizos e recursos creando unha comisión técnica de redución drástica da burocratización extrema e discrecionalidade na aplicación dos procedementos administrativos, que asegure a coherencia, homoxeneización e seguridade xurídica na interpretación da normativa vixente, con incremento de persoal público e procesos áxiles de resposta inmediata.
§ Aprobar un novo regulamento de participación cidadá, menos ríxido, que permita un desenvolvemento realista duns orzamentos participativos e o seu desenvolvemento progresivo nas asembleas de barrio e participación a través das novas tecnoloxías, eixo da participación veciñal, visualización final do traballo realizado e o que se fixo con eses orzamentos.
§ Fornecer aos medios de comunicación do concello para dar a coñecer á cidadanía o labor municipal.
§ Promover a información e participación por medio da web e redes sociais municipais. Fortalecer o tecido asociativo dando ás entidades protagonismo, información e participación. Facilitar a participación cidadá na vida do concello: dar voz en plenos e comisións e os contactos coa administración, nomeadamente das distintas concellarías.
§ Axilizar a resposta aos requirimentos e solicitudes feitos pola cidadanía, nomeadamente dende o rexistro municipal. Axilizar e formalizar os sistemas de participación en concursos de subvencións municipais.
§ Abrir procesos democráticos alentando a unha maior participación activa das mulleres e colectivos con especial vulnerabilidade, a partir de redes de apoio mutuo.
§ Impulsar o voluntariado e a participación social, especialmente cun programa específico contra a soidade das persoas maiores e outros colectivos que favoreza o acompañamento e a convivencia interxeracional.
§ Xestionar as convocatorias ou convenios co compromiso de publicación e resolución no primeiro semestre do ano, coa difusión inmediata dos proxectos subvencionados tras a súa resolución.